Categorías
Novas

Aberto prazo de inscrición para o ciclo Lecturas habitadas

A segunda edición de biblioterapaia “Lecturas habitadas”  celebrarase entre o 4 e o 6 de agosto na Fundación Uxío Novoneyra, en Parada de Courel, e ten como obxectivo espertar a capacidade creadora e o empoderamento feminino.

Durante as sesións leremos fragmentos de libros escritos polas autoras: Hélène Bessette, Julia Castillo, Marguerite Duras, Louise Glück, Esther Kinski, Macha Méril, Olga Novo, Nuala O´Faolain e Virginia Woolf, entre outras, co obxectivo de abrir un espazo de lectura e pensamento creativo arredor da literatura escrita por mulleres.

Durante tres xornadas leremos xuntas e conversaremos arredor dos seguintes temas:
4 de agosto: Unha introdución: Remedios Literarios. Que é a biblioterapia? por Branca Novoneyra e Lucía Miranda Morla
5 de agosto: Habitar a natureza salvaxe por Branca Novoneyra
6 de agosto: Lembrar e reconstruírse por Lucía Miranda Morla

Cando?
Días e horarios: Durante a primeira fin de semana de agosto. O venres 4 entre 17h30 a 20h e o sábado 5 e domingo 6 entre 12h. á 17h.
Comida ao aire libre (14h30-15h30).

Onde?
Na sede e no arredor da Fundación Uxío Novoneyra en Parada do Courel.

Quen pode participar?
Mulleres de todas as idades interesadas na lectura.

Como podo participar?
É unha actividade de balde.

Abrimos o prazo de inscrición o 7 de xuño e ofertamos un máximo de 12 prazas por sesión.

Podes asistir ao ciclo completo ou, por separado, a cada unha das sesións monográficas. Debes formalizar a inscrición antes do 1 de agosto no correo branca@uxionovoneyra.com Precisamos que indiques a intención de asistir ao ciclo completo ou que indiques o título da/s sesión/s monográfica/s á/ás que desexas asistir.

Precisamos que compartas os seguintes datos no corpo do correo: nome e apelidos, DNI, enderezo e teléfono de contacto. As prazas serán outorgadas segundo a orde de recepción das solicitudes.

As “Lecturas habitadas: Sesións de biblioterapia para mulleres” é un ciclo de actividades lectoras iniciadas no marco do Bookpower Erasmus+. Nesta edición atópase subvencionado pola segunda convocatoria do Territorio Cultura da Axencia Galega de Industrias Culturais que ten como obxectivo ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas Territorio Cultura, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) 2021/241.