A MIÑA CESTA
Aínda non tes produtos na túa cesta.
A casa natal de Uxío Novoneyra,na aldea de Parada do Courel, foi sempre un lugar aberto ás visitas: amizades, veciñanza e mesmo curiosos que se achegaban á coñecer a contorna da serra e ao propio Uxío.
Hoxe, ademais de sede da Fundación, a Casa da Fonte é un museo vivo e aberto con vocación de continuar a ser o centro reunión, reflexión e dinamización cultural por e para o Courel que o poeta construíu ao longo da súa vida.
Un programa regular de visitas guiadas permite descubrir os espazos nos que o poeta viviu e traballou, así como acceder a súa biblioteca, arquivo e colección de arte familiar.
ANDO limpando a casa de cacharros e trastos lacenas e faios sin deixar rechubazo. ando a tocarlle as maos ós antepasados…
Uxío Novoneyra naceu o 19 de xaneiro de 1930 na casa familiar de Parada, construída polo seu bisavó durante a terceira guerra carlista (1872-1876). Nela pasou grande parte da súa vida, primeiro cos seus pais, Manuela Neira e José Novo, e logo, nos anos setenta, coa súa dona Elba Rey e os seus fillos,Branca, Uxío e Arturo. En 1983 a familia trasládase a Santiago de Compostela, aínda que seguirán visitando a casa con frecuencia.
A Casa do Crego ou Casa da Fonte, como a denomina a veciñanza, é unha construción de grande valor patrimonial, testemuña da antiga vida rural da zona dedicada á gandería e a agricultura de subsistencia. Compónse dunha casa vividoira que xira encol dun patio, arrodeada de casas anexas (antigas cortes, bodega, carpintería, fragua e palleira) e dunha horta aberta aos soutos de castiñeiros.
En vida de Uxío a casa permaneceu sempre aberta ás súas amizades. Pintores coma Reimundo e Antón Patiño ou poetas como Manuel María e María Mariño frecuentábana a miúdo, e outros como Carlos Oroza e a súa parella Carmen Latorre residiron aquí longas tempadas. Do seu paso queda un tesouro de manuscritos e obras de arte que hoxe forma parte da colección da casa.
Seguindo a vontade testamentaria do poeta, quen quixo deixar o seu legado á terra na que nacera e vivira, a Casa de Parada é hoxe unha casa de poesía aberta ao público e á cultura.
Desde 2010 a Fundación Uxío Novoneyra acometeu labores de rehabilitación para adecuar o espazo a novos usos, respectando e sen trocar a construción orixinal de cháns, paredes, encintados e teitos nas diferentes edificacións que conforman a casa. A vivenda está catalogada como patrimonio no PXOM á iniciativa da Deputación de Lugo.
Ademais de sede da Fundación, a casa é un museo vivo e custodio do arquivo, biblioteca e colección de arte familiar, que continúa ampliándose. Un programa de visitas guiadas ao longo do ano permite coñecer este espazo singular.