A MIÑA CESTA
Aínda non tes produtos na túa cesta.
O arquivo da Fundación Uxío Novoneyra componse por máis de 2000 documentos de patrimonio bibliográfico, documental, gráfico e audiovisual. Organízanse en dous fondos: o da Familia Novo e Neira e o de Uxío Novoneyra.
O groso da documentación atópase no arquivo físico da sede da Fundación, en Parada, e o resto en residencias familiares. Trátase dun arquivo vivo que continuamos a investigar e engrosar recuperando novos documentos, propios ou doados.
Boa parte desta documentación está dixitalizada nos repositorios de Galiciana Arquivo Dixital de Galicia e no Portal PARES do Ministerio de Cultura e Deportes. Ademais, o arquivo presta servizo á comunidade investigadora a través dun servizo de consulta.
Este fondo céntrase na historia da Casa da Fonte, casa natal de Uxío en Parada do Courel (actual sede da fundación), e na súa familia, a liñaxe Neyra e Pol.
Esta documentación ten un grande valor histórico polo seu reflexo da fidalguía rural galega na montaña, con documentos datados dende o século XVI a través de foros, pleitos, inventarios de compraventa… Trátase dunha fiestra aberta á vida cotiá da montaña no pasado.
O corpo do arquivo atópase neste fondo conformado por toda a documentación relacionada coa figura de Uxío Novoneyra, tanto da súa propia autoría (poemas, escritos, debuxos) como arquivos doutros autores que formaron parte da súa vida.
A “dinamiteira da fala”, poeta noiesa, coma a nomeou Uxío Novoneyra. Foron veciños na aldea de Parada cando María se mudou co seu marido, que tiña o seu destino como mestre nacional na casa-escola do lugar. Foi Novoneyra quen a animou a escribir e a publicar a súa poesía en galego. No fondo da Fundación conservamos poemas orixinais, correspondencia e retratos debuxados da poeta noiesa.
Unha das grandes amizades de Uxío, poeta oral e figura da bohemia do Café Gijón. Coñecéronse en Madrid no emblemático café cando Uxío traballaba na Radio Televisión Española. Mantiveron unha forte amizade e un diálogo creativo continuado durante décadas. Carlos Oroza visitou varias veces a Uxío Novoneyra e viviu longas tempadas na casa de Parada. No arquivo conservamos numerosa documentación de Oroza, como poemas, correspondencia e cuantioso material gráfico.
O fondo acolle tamén outras coleccións de autores amigos de Uxío, entre os que destacamos as coleccións fotográficas de Federico García Cabezón, Emilio Araúxo e Xan G. Muras.