Categorías
Novas

Nova edición do roteiro Uxío Novoneyra entre O Cebreiro e Pacios

O vindeiro 1 de agosto a Fundación Uxío Novoneyra organiza, un ano máis, Ruta Ámeto Mítico en colaboración con Marcos Reinoso (Pía Páxaro) e Nieves Neira.  O roteiro, que parte da programación expandida do Festival dos Eidos que terá lugar en Parada do Courel entre o 25 e o 27 de agosto, segue os pasos do camiño tradicional que conectaba O Courel cos Ancares a través de Pedrafita de Cebreiro, onde tiña lugar a feira que centralizaba a vida económica e social das dúas comarcas.

Cartel do roteiro.

As persoas participantes camiñarán entre O Cebreiro e Pacios mentres gozan dunha ruta de interpretación xeopoética baseada na escoita, lectura e interpretación de poemas do libro de poemas Ámeto Mítico. Arrodeos e Desvíos do Camiño de Santiago e outra rotas de Uxío Novoneyra cos topónimos xeolocalizados

O itinerario, celebrado semestralmente, forma parte da estratexia rurallure que ten como obxectivo dar a coñecer aos usuarios das grandes vías de peregrinación europeas o patrimonio cultural e natural situado no seu perímetro.

Para inscribirte, debes enviar un e-mail solicitándoo no enderezo administracion@uxionovoneyra.com.

Categorías
Novas

Pamen Pereira e Ché Marchesi instalan “Tempo de Elexía” na Fundación Uxío Novoneyra

Pamen Pereira e Ché Marchesi presentaron o pasado 14 de xullo “TEMPO DE ELEXÍA” na Fundación Uxío Novoneyra en Parada do Courel. A instalación comparte título co libro publicado por Vía Láctea no ano 1991, unha edición revisada dos poemas de impronta existencial escritos polo poeta entre os anos 1953 e 1965.

Pamen Pereira e Ché Marchesi

A maior parte da aldea de Parada do Courel asistiu á apertura da mostra. Entre o público asistente atopamos os patronos da entidade, Federico G. Cabezón, Orlando Álvarez, María Prieto ou o gaiteiro Xan Silbar, que tocou unhas pezas nas antigas cortes para un nutrido grupo de veciñanza. Todas e todos gozaron dunha longa visita guiada. Pamen Pereira e Ché Marchesi instalaron pezas na antiga corte do curral e no cuarto onde o poeta Carlos Oroza viviu longas tempadas. Os asistentes escoitaron o son da chuvia mesta e leron poemas caligráficos sobre os cristais das fiestras.

Despois dunha quincena de estadía en Parada do Courel, Pamen Pereira comentou: “Conseguimos domar a besta. Levamos quince días a traballar intensamente na Fundación Uxío Novoneyra, na aldea de Parada do Courel. Ollamos cara a morte e a vida, e fixemos brilar a bela alma do animal, coñecendo cada unha das súas astas, mimándoas e a acariñándoas ata atopar a súa luz. Achamos a podremia, respiramos o seu cheiro sen pestanexar e, na plena transformación alquímica, atopamos a fermosura da flor que nace das augas limosas. A obra fica instalada na antiga corte da casa de Uxío, o poeta do Courel. A nosa amorosa homenaxe a “Os Eidos”.

Instalación de Pamén Pereira e Ché Marchesi nas antigas cortes da Fundación.

A residencia “Escrita no Remoto” é parte da programación expandida do Festival dos Eidos

A Fundación Uxío Novoneyra vén de ser incluída entre as vinte entidades que o informe Estudio de Impacto Socio-demográfico de la Cultura en el Medio Rural monitoriza en todo o estado. Este proxecto do Ministerio de Cultura y Deporte en colaboración con investigadores de Zaragoza e La Rioja foi presentado o pasado 6 de xullo no “VI Foro de Cultura y Ruralidades”. A entidade courelá que destaca pola diversidade da súa acción cultural, celebra este xullo a segunda edición da residencia “Escrita no Remoto” acollendo os artistas Pamen Pereira e Ché Marchesi durante a primeira quincena, e a escritora María Sánchez durante a segunda de xullo.

Co apoio da Rede Museística da Deputación de Lugo, entidade que sostivo a estadía previa no Pazo de Tor en Monforte de Lemos, a residencia “Escrita no Remoto” suma agora o apoio do programa autonómico xestionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Territorio Cultura. O Festival dos Eidos coa programación expandida foi a proposta mellor valorada pola Xunta de Galicia no desenvolvemento do programa vencellado aos Fondos Next Generation. A residencia incorpora un cofinaciamento da estratexia Horizonte Europa rurAllure.eu para atraer audiencias ao patrimonio literario que perimetra os Camiños de Santiago.

A produción site-specific “Tempo de Elexía” sumou achegas cortesía da Cooperativa A Carqueixa, O Sabor dos Ancares e os produtores apícolas O Galeirón. Os tres facilitaron produtos e materiais (cornos de vaca, cera de abella e cascas de ovo) incorporados na peza exposta dun xeito permanente na sede da fundación. Tamén engadiu o apoio de Cervexas Alhambra e Bodegas Martín Codax, patrocinadores habituais da entidade courelá.

Pamen Pereira, recoñecida pola potencia primordial da súa linguaxe poética, última cadeira incorporada á Real Academia Galega das Belas Artes, estudou Belas Artes na Universitat Politècnica de València. A mediados dos anos oitenta iniciou unha destacada traxectoria artística. Viaxou e desenvolveu proxectos en moitos lugares, expuxo as súas obras tanto individualmente como a través de mostras colectivas en galerías de arte, museos e espazos culturais de todo o Estado, de distintas cidades europeas, asiáticas e americanas. Residiu longas tempadas en países como Xapón ou Tanzania ou alén, en lugares extremos e remotos como a Antártida e o Sáhara.

Ché Marchesi estudou Belas Artes na UCM e activou numerosos proxectos artísticos relacionados coa poética da natureza, a bioloxía, a evolución e a ciencia. Apaixonado dos sistemas de coñecemento e dos sentimentos, na actualidade xestiona intercambios culturais con Senegal.

Categorías
Novas

Comezou o concurso fotográfico Comparte a túa ruta 2023

O Concurso europeo de fotografía “Comparte a túa ruta 2023”, que comezou o pasado 1 de xuño, ten unha duración de 4 catro meses e dará a coñecer o seu gañador o vindeiro 16 de outubro. O concurso ofrece unha oportunidade para compartir a túa experiencia e aventuras na ruta a todos os peregrinos que viaxen polas seguintes rutas culturais europeas e itinerarios históricos: O Camiño Xacobeo, a Vía Romea Germanica, os Camiños de Santo Olav e os camiños de Csíksomlyó, o Camiño da Virxe María.

Esta iniciativa ten como obxectivo concienciar sobre a viaxe lenta e o turismo sustentable con especial atención á descuberta de áreas rurais e o legado e tradicións culturais. Organizado polo proxecto europeo RurAllure e a Asociación Europea da Vía Francigena (a cargo do proxecto de comunicación), dá a coñecer os valores do diálogo intercultural,contribúe ao desenvolvemento sustentable e á sensibilidade co medio ambiente.

A edición do 2022 do concurso contou cun total de máis de 3.000 fotos publicadas polos usuarios das Redes Sociais de todo o mundo, xerou máis de 70 publicacións e artigos en medios nacionais e internacionais, posts nas Redes e materiais en 10 linguas.

Para participar no concurso só precisas publicar u post sobre as rutas mencionadas en Facebook, Twitter ou Instagram relatando as túas experiencias de viaxe, culturais ou eno-gastronómicas, incluíndo a localización e tagueando a páxina @rurAllure e #rurallure.

O Proxecto europeo rurAllure (Horizon 2020) une as rutas europeas, promovendo o legado cultural das súas contornas con especial atención ás zonas rurais. O seu obxectivo é crear unha rede pública e privada de actores interesados (stakeholders) por toda Euroopa, de tal xeito que os peregrinos poidan coñecer os territorios que atravesan e descubrir o seu patrimonio cultural e natural.

Máis información en www.rurallure.eu e www.viafrancigene.org/fr

Podes descargar aquí as bases do concurso (en español).

Categorías
Novas

Xuntanza do rurAllure en Galiza: tras os pasos dos poetas do Camiño

Os pasados 29 e 31 de marzo máis de 30 participantes internacionais do rurAllure Consortium reuníronse en Galiza española para celebrar a xuntanza bianual do proxecto. A Fundación Uxio Novoneyr,a xunto coa Universidade de Vigo, foi a encargada de organizar o evento, que combinou sesións de traballo, encontros con representantes das institucións locais e outros axentes implicados así como experiencias culturais.

As rutas que estuda o proxecto son o Camiño de Santiago, os Camiños a Roma (Vía Francigena, Romea Strata e Romea Germanica), o Camiño de María en Hungría, Romanía e Eslovaquia e os camiños noruegueses de San Olav. En rurAllure estúdase o Camiño de Santiago dende a perspectiva do patrimonio literario sobre o Camiño Primitivo e o de Inverno en Portugal e Galiza, coa participación de socios como Fundación Uxio Novoneyra, Fundación Otero Pedrayo, Universidade de Madrid, Universidade da Coruña ou o Concello de Vila do Conde en Portugal.

O proxecto, xestionado pola Universidade de Vigo, púxose en marcha en 2021 e xa está no seu último ano, acadando resultados importantes como o desenvolvemento dunha plataforma dixital e a aplicación móbil desenvolvida por KIFU, Uvigo e GVAM. Tameén se puideron ampliar os coñecementos dos participantes sobre esta materia que foron logo recollidos nun un manual de boas prácticas en peregrinacións publicado pola Universidade da Coruña, e aumentar o número de socios ata superar os 100 en marzo de 2023. Atinxidos a maioría dos seus indicadores a finais do segundo ano, o proxecto é xa un modelo para a estratexia de comunicación desenvolvida polo equipo da AEVF.

O intercambio de boas prácticas entre os socios permitiu coñecer os resultados do concurso fotográfico “Vagar co corazón e o corpo” desenvolvido pola Facultade de Artes da Universidade Comenius de Bratislava. A Fundación Uxio Novoneyra e o Concello de Vila do Conde están actualmente implicados, pola súa parte, na preparación dun proxecto spin-off centrado no patrimonio literario e ferroviario do norte de España e Portugal. Os socios da Universidade de Noruega NTNU compartiron as súas estratexias de traballo en rede e difusión durante a conferencia nacional de peregrinos noruegueses en colaboración coa Ruta Cultural de Saint Olav.

O encontro foi unha ocasión perfecta para poñer a proba os principais puntos de interese do patrimonio literario do Camiño de Santiago, tanto durante a andaina organizada a través do Camiño de Inverno pola serra do Courel como no paseo urbano pola vila termal de Ourense, no Camiño da Prata.

As visitas culturais á Fundación Uxio Novoneyra, á Fundación Otero Pedrayo, ao Palacio Museo “Pazo de Tor” de Monforte de Lemos, ao Museo do Viño de Monforte e á súa oficina de peregrinos permitiron aos socios coñecer de primeira man o patrimonio cultural galego. As xuntanzas cos representantes de Ourense e Monforte de Lemos supuxeron unha oportunidade perfecta para establecer estreitos contactos sobre o terreo e ofrecer a metodoloxía do proxecto aos socios interesados.

As montañas, a natureza salvaxe, a hospitalidade cálida e a comida deliciosa proporcionaron un excelente fondo para a cooperación europea.

O Consortium agradece especialmente aos organizadores da Fundación Uxío Novoneyra e da Universidade de Vigo, especialmente a Uxío Novoneyra, Susana Reboreda Morillo, Martín López Nores e Oscar Penín.