Uxío Novoneyra

E aínda
é nova a terra!

O legado de Uxío Novoneyra vai máis alá da súa propia literatura, corazón e centro dun compromiso coa cultura e a humanidade que se estendeu ao longo da súa vida enteira.

Por medio dun estilo poético vangardista, vencellado coa contorna natural do Courel e coa lingua e o pobo que lle daban acubillo, Novoneyra fixo bandeira das causas xustas do mundo e erixiuse no espello que hoxe nos inspira.

As palabras da Real Academia Galega no ano en que se lle adicou o Día das Letras Galegas (2010) son bo epítome da ampla extensión da súa figura: «excelente poeta, galeguista e profundamente democrático, enraizado co pobo e coa poesía popular».

Sobre a forza da memoria, palabra e pensamento de Uxío Novoneyra, poeta galego de entrega total, constrúese esta Fundación para traballar por un futuro máis xusto, libre e solidario desde a comunidade local con conciencia global.

Biografía

Uxío Novoneyra nace o 19 de xaneiro de 1930 en Parada do Courel. Estuda o bacharelato en Lugo e desprázase a estudar Filosofía e Letras en Madrid. Comeza a escribir aos 18 anos. Cumpridos os 25 publica a primeira entrega de Os Eidos, un libro cumio na literatura galega do século XX. Novoneyra seguirá escribindo poemas para este libro durante toda a súa vida.

Entre 1962 e 1966 vive en Madrid e traballa na Radio Televisión Española dirixindo programas culturais centrados na divulgación da poesía. Moi influenciado pola lírica trobadoresca e polas vangardas, cultivou con intensidade a poesía oral e a visual. Os seus recitais consideráronse acontecementos culturais e no seu traballo como calígrafo afondou na vía sobre a intensidade física da palabra poética que revisaba e axustaba en sucesivas edicións.

Nos anos 80, xa considerado un clásico pola crítica e o público, compila a súa obra en entregas sucesivas: poemas da Terra en Os Eidos. Libro do Courel (1981), poemas de amor en Muller pra lonxe (1986), e poesía política en Do Courel a Compostela (1988).

Traslada a súa residencia a Santiago de Compostela en 1983 coa súa dona, Elba Rey e os seus fillos, Branca, Uxío e Arturo. Dende 1983 ata 1999 exerce a Presidencia da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) desenvolvendo unha incansable labor a prol da lingua e a cultura galegas ata a súa morte aos 69 anos, o 30 de outubro de 1999.

Aos poucos días do seu pasamento publícase o seu derradeiro libro, Ámeto mítico. Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas, un peregrinar pola lingua e polos lugares queridos de Galicia. Con esta derradeira entrega pecha unha obra vangardista e radicalmente comprometida coa memoria da Terra, a loita contra a opresión do poder e a tensión existencial provocada pola vivencia do amor e contra a morte.

Obra destacada

Uxío Novoneyra foi un autor amplamente recoñecido polo seu primeiro libro, Os Eidos, un clásico da literatura galega contemporánea. O poeta continuou escribindo toda a súa vida para o libro do Courel, sempre aberto e en proceso. Velaquí unha pequena escolma da súa obra máis destacada:

Os Eidos

Galaxia, 1955

Elegías del Caurel y otros poemas

Rialp, 1966

Os Eidos II

Galaxia, 1974

Poemas caligráficos

Cadernos da Gadaña, 1979

Os Eidos. Libro do Courel

Xerais, 1981

Edición bilingüe galego-castelán: Árdora Ediciones, 2010

Bazsterrak / Os Eidos

Edición bilingüe galego-euskera, 2 vos: Pamiela Argiletxea, 1988

Muller pra lonxe

Deputación de Lugo, 1986

Do Courel a Compostela

Sotelo Branco, 1988

Espiral Maior, 1994

Poema dos Caneiros

Concello de Betanzos, 1998

Arrodeos e desvíos do camiño de Santiago e outras rotas

Hércules Ediciones, 1999

Uxío Novoneyra recolleu a súa autopoética acompañado polo filósofo Emilio Araúxo nunha longa entrevista: Dos soños teimosos (Noitearenga, 1999). Coescribiu Camelio xaponés (Consorcio de Santiago, 1995) xunto a Ayako Sujitani e Onde só queda alguén para aguantar dos nomes (Noitearenga, 1999) xunto a Araúxo e o fotógrafo Federico García Cabezón. Ademais publicou tres entregas de literatura infantil: No cubil do xabarín (1991), Gorgorín e Cabezón (1992) e Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín (1998).

Co gallo das Letras Galegas dedicadas á súa figura no ano 2010, dez anos despois do seu pasamento, reeditouse e a totalidade da súa obra, xurdiron numerosos estudos críticos e traducíronse Os Eidos. Libro del Courel en edición bilingüe galego-castelán na editorial Árdora. Ademais Luís Cochón e Aloso Girgado escolleron a súa prosa en dous volumes, A casa! o val! a patria homilde! e i-en todo o silencio preguntado, editados nos Cadernos XIV e XVI da Fundación Ramón Piñeiro.

O poeta do Courel colaborou en numerosas revistas e xornais de ámbito hispanoamericano e a súa obra traduciuse a todos os idiomas comunitarios. Uxío Novoneyra é considerado na actualidade un dos grandes intérpretes da súa terra e un mito da literatura galega. A súa obra, de inmensa potencia múltiple, segue despregando novas lecturas.

A finais do 2019 sairon do prelo dúas novas antoloxías en inglés e italiano: The Uplands. Book of the Courel na casa americana Veliz Books traducido pola poeta canadiense Erin Moure e Poesie della chiara certeza (antologia 1955-1999) na editora Aquaplano coa tradución de Marco Paone.