A Fundación Uxío Novoneyra é un ente estatal de interese cultural constituído no ano 2011 que persegue os seguintes obxectivos:
- A conservación e difusión do legado do poeta Uxío Novoneyra así como da súa obra e as obras da súa colección privada.
- A promoción de actividades de estudo e investigación nos eidos da literatura, especialmente na poesía, a lingua, as artes, en especial as visuais e escénicas; e os estudos históricos e políticos.
- A defensa do medio ambiente, especialmente o relacionado coa súa obra, no eido territorial das súas actividades.
- A dinamización e promoción sociocultural da súa zona de referencia.
- A potenciación e a difusión da cultura e a realidade sociocultural de Galicia no exterior e a colaboración con entes público-privados de fins semellantes.
Na Fundación Uxío Novoneyra divulgamos o legado do poeta do Courel co obxectivo de gardar a súa obra e doala ó futuro. Arrancamos o noso traballo coincidindo co seu décimo cabodano, cando a Real Academia Galega anunciara adicarlle o Día das Letras Galegas do 2010. Daquela, familia e amizades repensamos a casa familiar e comezamos a súa rehabilitación para dar a coñecer o lugar de nacenza de Novoneyra, a aldea de Parada no centro mesmo da serra do Courel. Aquí pasou a meirande parte da vida, escribiu o seu poemario máis recoñecido, Os Eidos, e boa parte da súa obra poética.
Dacordo cos nosos obxectivos fundacionais traballamos diferentes liñas de acción cun enfoque plural e de traballo en rede. Establecemos a nosa sede na “Casa da Fonte”, hoxe aberta ao público cun programa estable de visitas guiadas, e desenvolvemos o seu arquivo documental, literario e histórico. Desde Parada programamos accións de mediación en centros educativos e traballamos en proxectos europeos, actividade pola que somos referencia de desenvolvemento en innovación, sostenibilidade e conexión con Europa en Galicia e o Noroeste Ibérico.
Ademais programamos o Festival dos Eidos (Eidos Fest), residencias literarias e proxectos de natureza na serra courelá, lugar isolado e fortemente impactado pola emigración e o despoboamento.