Categorías
Novas

Xosé María Álvarez Cáccamo nos Eidos de outono

O  vindeiro sábado 28 de outubro terá lugar Fundación Uxío Novoneyra, en Parada do Courel, unha nova edición dos “Eidos de outono” na que o poeta vigués Xosé María Álvarez Cáccamo establecerá un diálogo poético c’Os eidos de Uxío Novoneyra.

Programación dos Eidos de outono
Programación dos Eidos de outono.

A xornada comezará ás dez de mañá cun obradoiro de interpretación de soutos e recollida de castañas.

A seguir, contra as doce, terá lugar a lectura comentada d’Os eidos da man de Xosé María Álvarez Cáccamo, unha das voces de referencia da poesía galega contemporánea, encadrado na chamada Xeración dos 80.

Xa contra o mediodía, a formación musical luguesa Son de Corda presentará o traballo “Na casa deles” no que musican poemas de Lorenzo Varela, Pimentel, Manuel María, Darío Xohán Cabana e Uxío Novoneyra.

Pola tarde, inaugurarase ás seis a exposición de debuxos “Lestrigóns”, de Jesús Otero Yglesias ao redor do mesmo capítulo do libro Ulysses, de James Joyce.

A xornada literaria rematará ás seis e media cunha lectura colectiva do libro Á lus do candil, de Ánxel Fole, no 120 aniversario do nacemento do narrador e xornalista lugués. A seguir, o pinchadiscos baiés DJ Tristón porálle o ramo musical a esta nova edición dos Eidos de outono, na que a entrada será, como de costume, de balde.