Categorías
Novas

Ulises pasea Lugo

A “Ulysses European Odissey”, programación europea bienal que conmemora o centenario do Ulises de James Joyce, obra capital da literatura europea, e que se celebra en 18 cidades europeas diferentes, aterra en Lugo entre os días 19 a 21 de maio, a única cidade do estado español participante, cun completo programa literario, artístico e gastronómico baseado no capítulo VIII “Lestrygonians”, centrado na literatura e a gastrocultura.

Leopold Bloom pasea no libro polas rúas de Dublin o 16 de xuño de 1904 e para nun pub ao mediodía a tomar un petisco de pan e queixo gorgonzola, acompañado por un viño de Borgoña.

A comida, o viño, o paseo e a literatura serán tamén os protagonistas da celebracion  “Ulises en Lugo”, que contará cun programa descentralizado por toda a cidade con 20 actos diferentes nos que participarán preto de 40 diferentes axentes culturais e gastronómicos entre escritoras, poetas, tradutores, bailarinas, músicos, cociñeiros, académicas ou labregos, entre outros perfís de referencia nos diferentes eidos que abrangue este programa cultural internacional.

Nestas xornadas analizarase a historia da tradución do Ulysses ao galego; a literatura gastronómica; a estreita relación entre Galicia e Irlanda; as súas semellanzas culturais, artísticas e mesmo históricas; e a influencia do libro de Joyce, cume do modernismo literario do século pasado, na literatura galega actual.

Así mesmo, o festival organizará un simposio no que se analizará o vizoso sector gastrocultural de Lugo e Galicia, dende a produción, ata a distribución e o desfrute da nosa gastrocultura, referente europea. Cociñeiros, produtores, académicos e labregos serán os encargados de explicar, en primeira persoa, as súas achegas a un factor cultural de primeira magnitude, como é a alimentación.

As actuacións da Filarmónica de Lugo, a reconstrución sonora da Praza de Abastos de Lugo cara a 1920 e unha interpretación danzada do capítulo VIII a cargo da compañía 3Monos forman parte tamén do programa dunhas xornadas que contará coa participación de Antón Reixa, Yolanda Castaño, Marica Campo, Xavier Queipo, Cid Cabido, María Linheira, Francisco Castro, Genaro da Silva, Isaac Xubín, Keith Payne, Sara Plaza, Lois Diéguez ou da poeta e veterinaria María Sánchez, entre moitos outros.

Ulysses European Odyssey é o primeiro programa Europa Creativa de cooperación cultural a grande escala no que participa a cidade de Lugo, en colaboración coa Fundación Uxío Novoneyra.

O programa do festival pódese descargar aquí.

Categorías
Novas

A Fundación Uxío Novoneyra participará na celebración do centenario do Ulysses en Lugo

A cidade colaborará coa rede europea ULYSSES EUROPEAN ODDISEY nesta efeméride continental xunto a capitais europeas como París, Atenas, Budapest, Berlín, Copenhage ou Estambul entre outras. O evento terá lugar entre o 19 e o 21 de maio de 2023.

Integrada en pé de igualdade como cidade asociada neste proxecto Europa Creativa de cooperación a grande escala -o primeiro no que participa a cidade da Muralla- e que convoca outras 17 urbes europeas representando cada unha delas un capítulo desta obra mestra da literatura universal.

Este proxecto está inspirado no libro “Ulysses”, do escritor irlandés James Joyce, do cal se celebra neste ano de 2022 o centenario da súa publicación, dando comezo unha rolda de homenaxes por 18 cidades europeas que rematará en 2024.

No proxecto participan 18 cidades europeas cada unha delas asociada a un capítulo da novela relacionados cos principais retos que enfronta hoxe a sociedade europea. O capítulo octavo do libro que se celebrará Lugo, “Lestrigóns”, está ligado á literatura, o acto de camiñar e pasear, ás relacións sociais nos espazos públicos, e á gastronomía sustentable de proximidade, e a hospitalidade das tapas da nosa cociña atlántica, caracteres todos eles onde a cidade da Muralla é un referente estatal, que se verá proxectado con este proxecto tamén no nivel europeo.

A participación da cidade consistirá nunha programación literaria e escénica expandida ligada á celebración da gastronomía popular identificada con este capítulo da icónica novela de Joyce. Serán intervencións que evoquen a novela en espazos públicos de interese literario como prazas, esculturas, rúas e puntos gastronómicos como cafés e bares, terrazas, restaurantes ou pubs susceptibles de participar no festival.

O proxecto complementa esta programación con residencias artísticas para artistas internacionais en Lugo e a celebración dun simposio sobre a relación entre Literatura e Gastronomía; a participación no proceso de redacción no “Manifesto sobre a Futura relación entre as artes e a sociedade para unha Europa mellor”, coa contribución da cidade e a súa integración como cidade colaboradora nesta rede de cidades Ulyses europea.

Así, enrre o mércores 7 e o venres 9 visitaron cidade os directores artísticos do proxecto, os irlandeses Liam Browne e Sean Doran, da axencia Arts Over Borders, xunto cunha delegación da cidade, da Fundación Uxío Novoneyra, facilitadora do proxecto e do sector cultural para amosarlles e o potencial da cidade e localizar os que serán os escenarios na programación de primavera.

O Concello de Lugo, a través da súa vicealcaldía, amosou tamén o seu apoio ao proxecto e a súa vontade de converter este evento nunha oportunidade para seguir posicionando internacionalmente Lugo, unha cidade que xa conta con tres monumentos que forman parte do patrimonio da humanidade.

Este partenariado acadouse grazas á colaboración da Rede Europea de Centros Culturais (European Network of Cultural Centres – ENCC), en especial, á súa directora de proxectos, Ms. Irene Fici.

Pódese ampliar información ná páxina ulysseseurope.eu