Categorías
Novas

Presentación en Lugo do cartel da VIII edición do Festival dos Eidos

A presentación tivo lugar nos xardíns da Deputación de Lugo o 11 de agosto e contou coa participación de Iria Castro, deputada provincial de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística; Marta Barreiro, secretaria da Delegación territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, ademais de Branca Novoneyra, directora da Fundación.

Presentación do programa do VIII festival dos Eidos en Lugo.

Logo da presentación da deputada provincial, Iria Castro e da secretaria da Delegación territorial da Xunta, Marta Barreiro, no nome do programa Territorio Cultura da axencia AGADIC,  que seleccionara a programación expandida do Festival como mellor proposta de toda Galicia, tomou a palabra Branca Novoneyra para detallar o contido dunha programación que terá lugar entre o 25 e o 27 de agosto no lugar de Parada, no Concello de Folgoso de Courel, e que contará cunha intensa programación protagonizada polas poetas Chus Pato, Antón Reixa, Ana Romaní, Eva Veiga e Joâo Barrento.

Branca Novoneyra.
Branca Novoneyra.

 

Na parte musical, os grandes protagonistas serán dous grupos míticos dos 80 galegos: Os Resentidos, que darán un concerto exclusivo esta anualidade, e Radio Océano, a presentar o seu novo disco “Un furioso silencio”. Os poetas Alba Cid e Estevo Creus, canda o músico Xosé Miguélez, levarán a escena o espectáculo de música e poesía A Faia de Ponto. Pola súa parte, o escritor Xavier Queipo e Cé Tomé presentarán a performance musicada Río Lagares. Rhome, Xackal, Jas Processor e Dj Tristón completan a intensa nómina de músicos desta edición.

Outras artes terán tamén o seu espazo no VIII festival, como a lectura danzada, «Em torno da árvore, estendia-se o jardim nascente», que será executada por Eva Valle, Nieves Neira Roca, María Grandío, María Corral Fernández e Beatriz Rodríguez Morales; o cine, co coloquio ao redor de Zumiriki a cargo de Oskar Alegría e Xosé Manuel Sande; a fotografía, cunha exposición de Federico García Cabezón; a arqueoloxía sonora, da man da Fundación Legar ou o xa clásico avistamento de paxaros no Courel, do biólogo Xavier Vázquez Pumariño.

Uxío Novo.

Pechou a presentación o secretario da Fundación Uxío Novo agradecendo á Deputación de Lugo o seu apoio continuado á entidade ao longo dunha década, e á Xunta de Galicia  pola súa achega ao desenvolvemento dun programa, como o Territorio Cultura, que atrae a atención do país sobre un espazo mítico como o Courel durante tres días cunha programación na que comparten o protagonismo a poesía, a música e a danza e que pretende manter vivo o legado do poeta facendo da súa casa un centro de irradiación de cultura.

Nesta ligazón podes acceder ao programa do Festival dos Eidos.

 

Categorías
Novas

Branca Novoneyra presenta o seu novo poemario As cunchas baleiras

A presentación terá lugar este mércores 31 de maio ás oito e media na libraría Númax, en Santiago de Compostela, xunto con Olalla Cociña, e o vindeiro 1 de xuño na libraría luguesa Trama, de par de Nieves Neira.

Dez anos da escrita de BrancaNovoneyra aparecen reflectidos en As cunchas baleiras, o libro que racha cun silencio poético da autora de máis de dez anos e que nos sitúa ante un tratamento audaz das materias da enfermidade e da acción política. A súa escrita, fundada nunha esixencia radical de autenticidade á palabra poética, insírese nunha tradición habitada por poetas como Kathleen Raine, Gary Snyder ou Ted Hughes, ademais das influencias seminais de autores como Uxío Novoneyra e Carlos Oroza.