Liñas estratéxicas

Cultura en aberto

Poesía, literatura e artes atópanse na base da Fundación Uxío Novoneyra. Desde elas activamos e apoiamos proxectos que contribúan a canalizar o valumbo creativo de ideas que atravesa o noso mundo mentres teimamos en investigar e expandir o territorio literario que é a serra do Courel.

Coa apertura da Casa da Fonte en 2010 establecemos unha programación cultural singular no Courel: roteiros, recitais, teatro, exposicións. Ademais, desde 2015 celebramos nela o Festival dos Eidos, 3 días de cultura de vangarda que cada mes de agosto axitan a aldea de Parada. O evento forma parte da rede europea de festivais literarios en zonas isoladas LITFEST; con socios na Italia, Francia, Irlanda e Portugal cos que compartimos a paixón polas letras e a súa capacidade para ser ferramenta de aprendizaxe permanente.

Damos acubillo á creación e investigación literaria a través da nosa actividade editorial e o programa de residencias artísticas itinerantes Ámeto MíticoTamén colaboramos coa comunidade educativa no fomento da creatividade e a expresión artística nas aulas.

O grupo de traballo da Fundación IthFunding desenvolve ferramentas para a formación, acompañamento e facilitación de proxectos culturais —propios ou de terceiros— que sexan relevantes dacordo cos nosos obxectivos fundacionais.

Internacionalización

Grande parte da actividade fundacional é posible grazas a un traballo continuo de captura de fondos e proxectos a través de programas europeos, o que nos convirte na fundación cultural máis internacionalizada de Galicia.

A nómina de iniciativas nas que temos  participado e/ou liderado, en varias ocasións declaradas como boas prácticas a nivel comunitario, permitiunos establecer unha rede internacional de alianzas estratéxicas, creando sinerxias coas que avanzar nas nosas liñas de traballo e atraer talento e oportunidades ao noso territorio.

Turismo e desenvolvemento sostible

Uxío Novoneyra foi premonitorio en denunciar a falla de atención das institucións aos modos da vida labregos e aos procesos de despoboamento que asolan o rural. Con el, na Fundación cremos que outra vida é posible e iso pasa por activar un mundo rural dinámico, diverso e sostible, implicándonos  en proxectos que sumen posibilidades ao futuro destas zonas. 

Exemplo de conservación da arquitectura tradicional labrega, a antiga casa do poeta é hoxe unha Casa Museo que recibe cada ano centos de visitantes. A Casa é tamén un laboratorio de proxectos e experiencias pola dinamización do territorio e a súa actividade turística: programación cultural, rotas interpretativas, obradoiros, formacións, etc. Un labor recoñecido pola Deputación de Lugo, que no ano 2020 elixiunos como unha das cinco entidades premiadas nos galardóns “Lugo Cambia” á promoción da provincia e ao seu desenvolvemento turístico. 

Coa nosa actividade queremos contribuir a facer do Courel un territorio literario-natural accesible e relevante, un destino turístico sostible e xerador de oportunidades para a súa veciñanza.  Nesta liña, formamos parte do proxecto rurAllure: un proxecto  para investigar e conectar o patrimonio rural na contorna das grandes vías de peregrinación de Europa financiado con cargo ao programa Horizonte 2020. 

Compromiso co medio

O pensamento ecolóxico de Novoneyra é un núcleo de enerxía permanente na súa obra. En Os Eidos o poeta inmortalizou a súa terra apuntando as conexións entre a natureza e os seus habitantes: un Courel de lobos, osos, aguias, bois e xentes labregas que xa daquelas ameazaba con desaparecer.

Desde esta militancia ecopoética termamos no compromiso co espazo que habitamos, e participamos e impulsamos proxectos para a preservación da biodiversidade do Courel. Ademais, colaboramos de xeito habitual con entidades ambientais que operan na zona.

Sumámonos ao Proxecto LIBERA  (SEO Birdlife) cun estudo no noso Souto da Rubial, para o que acadamos a súa declaración como conxunto de Árbores Senlleiras da Xunta de Galicia.  Tamén colaboramos coa Fundación Oso Pardo no Plan Life+Oso Courel  . 

A Fundación traballa na captura de fondos para accións ambientais de sensibilización e educación: Erasmus+ KA201 Science of the Earth de educación ambiental, Emprega verde CONECTA 2020 da Fundación Biodiversidad, e Avaliación Biodiversidade Terrestre 2020 da Fundación Biodiversidad.