A MIÑA CESTA
Aínda non tes produtos na túa cesta.
A serra do Courel é a grande reserva natural de Galicia; unha terra de excepcional beleza e longa memoria humana que se estende 20.000 hectáreas pola Galicia oriental e a linde co Bierzo e León. Territorio aillado e remoto, no Courel a natureza desprégase libre e salvaxe fronte a unha poboación dispersa e en retroceso, pouco máis de 1000 veciños repartidos nunhas 40 aldeas.
A serra é unha presenza permanente na obra de Uxío Novoneyra, quen naceu na aldea Parada, na «Casa da Fonte» na que residiu longas tempadas. Co seu primeiro poemario, Os Eidos, o poeta elevou a súa terra natal á categoría de espazo mítico e simbólico, unha «montaña marabillosa» na que atopar refuxio e inspiración.
Novoneyra, pero tamén Ánxel Fole, María Mariño, Carlos Oroza e outros autores fan do Courel un dos territorios literarios máis interesantes da Península, un lugar para descubrir a través da palabra.
Para ver as montañas, para ver unha montaña marabillosa, hai que gardar un certo estado de gracia, un resto de inocencia primeira dese estar abertos que lles permite aos nenos entrar no Mundo e quedarse cunha imaxe para sempre.
Ese é o estado que debera levar calquera visitante que se achegue ó Courel.
As montañas do Courel abranguen un vasto territorio de 193,4 km2; 21.020 hectáreas de paisaxe dominado pola natureza. A excepcional biodiversidade que garda fai que numerosos colectivos veñan reclamando desde hai anos a súa declaración como Parque Natural. As montañas son Xeoparque Global UNESCO, forman parte da Rede Natura 2000 ZEC-LIC e desde 2021 son Reserva da Biosfera xunto a Ribeira Sacra e a Serra do Oribio.
O Courel é terra brava e de contrastes. Nas súas cotas superiores acada máis de 1600 m (picos de Formigueiros, Pía Páxaro) mentres que a 3 ou 4 quilómetros, a cunca do río Lor debrócase ata cotas sensiblemente inferiores (500-400m). A súa é paisaxe de cumes e vales, irrigada por regatos e pincheiras e cruzada polo bosco dominio de bechos bravos e castiñeiros centenarios. A Devesa da Rogueira, no corazón da serra, é un dos seus espazos máis recoñecidos, un bosque primario regado polas augas ferruxinosa da Fonte dos Cervos.
A paisaxe xeolóxica e natural convive coa humana, que se remonta ata tempo dos romanos. Na serra abundan vestixios de explotacións mineiras e antigos castros, pero tamén aldeas que preservan os modos labregos e a arquitectura tradicional.
O mellor xeito de descubrir o Courel é facelo a pé. Existen numerosas rutas de senderismo que percorren os antigos camiños conectando castros, montes e aldeas. Desde a Fundación, en Parada, parte a Ruta de Uxío Novoneyra, que chega ata Moreda, aos pés da Devesa, atravesando o Monte Cido e o seu castro de Torre Cabreira. Tamén de Parada parten variantes que conectan coas rutas da Devesa da Rogueira e da Lagoa e Campa da Lucenza.
A Fundación Uxío Novoneyra traballa pola divulgación do patrimonio cultural e natural que no Courel converxen. Convídamosche a adentrarte nestas montañas e visitarnos na casa de Parada. Nos seguintes enlaces tes información sobre a serra e as diferentes rutas e propostas para explorala para que poidas preparar a túa visita.