Categorías
Novas

Un cento de persoas participaron nas primeiras ‘Lecturas de coidado’ celebradas en Santiago de Compostela

A lectura como ferramenta de transformación social coas comunidades protagonizou a primeira edición do encontro celebrado o sábado 20 e o domingo 21 dexaneiro no Hospital Psiquiátrico de Conxo

Unha Visita ao Patrimonio Invisible do Hospital Psiquiátrico de Conxo guiada por Leo González (Trivium) e a performance “Cinguir o linde, romper a testa, crebar o corazón” da artista Neves Seara abriron un programa centrado na importancia da lectura como práctica de intervención coas comunidades que reuniu máis dun cento de persoas durante dúas xornadas organizadas pola Fundación Uxío Novoneyra no Psiquiátrico de Conxo.

No acto inaugural presidiu a mesa a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada por Alfonso Varela, Director Médico da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Natividad González, Deputada de Cultura da Deputación de Coruña, e a Directora da FUN, Branca novoneyra. A conferencia inaugural estivo a cargo de Belén Gopegui que, baixo o título “Esta Espera Feroz” achegou as teses do seu último libro El Murmullo, unha proposta crítica para ler a literatura de autoaxuda como xénero de ficción.

Durante a tarde celebrouse a primeira mesa de debate sobre “A Literatura, o Patrimonio e os Coidados” coa intervención do editor Quique Alvarellos sobre a identidade distintiva do barrio de Conxo como territorio literario; unha comunicación sobre as narrativas da psicose a cargo do psiquiatra e coordinador do Hospital Psiquiátrico de Conxo, Ramón Area; unha introdución as medical humanities e a medicina narrativa da pedagoga Liana Vella, e unha intervención literaria sobre o proxecto Almáciga, glosario de palabras desaparecidas do mundo agrario que escritora María Sánchez recolleu en todas as linguas do estado.

A xornada do domingo abriu cunha mesa de debate na que se presentou un repertorio de experiencias lectoras, entre elas, clubes de lectura, actividades de biblioterapia e catálogos de lecturas saudables, que foron de interese para o público asistente con numerosos docentes e bibliotecarios de bibliotecas escolares e hospitalarias, terapeutas ocupacionais e diversas persoas interesadas na lectura como práctica de fomento da capacidade creadora, capacitadora e empoderadora.
O programa pechou cun recital titulado “Poesía de Coidado” na escalinata de mármore coas intervencións dos poetas Antón Lopo, María Sánchez e Jaume Coll que foron presentados por Nieves Neira que recitaron poemas estreitamente relacionados coa temática do encontro.

Entre o público asistiron escritores/as como Xelís de Toro, Arancha Nogueira, Marga do Val, os editores de Irmá Cartoné e Paco Macías (Edicións Positivas) e docentes como Alicia López Pardo,Comba Campoi e Loli Fojón.
As Lecturas de Coidado celebráronse con apoio da convocatoria de Fomento da Lectura e as Letras Españolas, unha liña de subvencións do Ministerio de Cultura que apoiou esta única acción monográfica dentro do Plan de Fomento da Lectura 2021-2024 en Galicia durante este último ano. Despois da ampla e positiva acollida de público, o novo proxecto lector para as comunidades reforza a súa vocación anual.

Categorías
Novas

Belén Gopegui participará nas ‘Lecturas de coidado’ que organiza a FUN

O primeiro encontro sobre a lectura como ferramenta transformadora coas comunidades celebrarase o 20 e 21 de xaneiro no Hospital Psiquiátrico de Conxo (Santiago de Compostela).

Belén Gopegui.

Desde a Fundación Uxío Novoneyra (FUN) convocamos a todas as persoas interesadas na lectura e nos coidados a participar nun encontro durante dúas xornadas no Hospital Psiquiátrico de Conxo, un lugar onde aínda ecoa aquel lema reivindicativo dos tempos finais da ditadura: “Conxo Capital da Movida Mental”. A cidade, Santiago de Compostela, o barrio, Conxo, e o seu emblemático hospital, son vizosos territorios literarios que inspiran unha conversa sen cancelas sobre a lectura, o patrimonio e os coidados para detectar cales ferramentas lectoras son máis axeitadas para coidar das comunidades vulnerábeis. Nestes intres, cando precisamos recuperar a lectura atenta para activar a diminuída capacidade crítica, debemos coidarnos con lecturas que defenden ampliación dos dereitos e as liberdades comunitarias para non retroceder neste cambio de ciclo que vivimos.

Ler polas rúas ou polos camiños, ler os clásicos e as novidades, nas bibliotecas, nas escolas, nos hospitais e ler tamén ao aire libre. Ler atentamente para curarnos, erguernos e mudar o lugar. Lemos en alto, en baixo, sós ou acompañados, lemos para outros que en ocasións non poden ler.

Coidar o modo en que lemos é o motivo destas xornadas que convocan ás persoas interesadas na lectura como unha ferramenta de resistencia. Nestes tempos de conflicto queremos pensar a lectura como experiencia de coidado contra a violencia e a censura, entón escollemos o título “Lecturas de coidado” porque rexeitamos as lecturas que nos separan ou nos enfrontan. Escollermos ler salvaxemente para mover a conciencia da comunidade.

Sábado 20 de Xaneiro
10h. Visita ao Patrimonio Invisible do Psiquiátrico de Conxo por cortesía de TRIVIUM.

11h. “Cinguir o linde, perder a testa, crebar o corazón” de Neves Seara // Intervención performática sobre un valo a piques de desaparecer.
12h Inauguración do encontro coas entidades responsables da organización e o financiamento.
12.30 Pausa-Café
13h. Conferencia: “Esta espera feroz” de Belén Gopegui.
“Quixésemos pedirlles que sobrevivir non sexa resignación, senón esta espera feroz ata que poidan vivir”, con estas palabras dirixíase en 2019 o colectivo de ficción Un pé no estribo, formado por persoas moi anciás, ás xeracións que lles seguirán. Desde que o escribiron cada vez parece máis urxente atender a aquel verso de César Vallejo: “o momento máis grave da miña vida non chegou aínda” para dicir que hoxe o momento máis grave das nosas vidas si chegou, vivimos nel, e aínda que non sempre se poida elixir o ánimo, quizá xa non nos quede tempo para o tempo da melancolía.

 

16h Mesa // “Lectura, patrimonio e coidados” con:
– Quique Alvarellos. Escritor, xornalista e editor. Director de Alvarellos Editora.
– Leo Gonzalez Pérez. Coordinador de proxectos de TRIVIUM.
– Ramón Area Carracedo. Psiquiatra. Coordinador do Hospital Psiquiátrico de Conxo.
– Liana Vella. Docente experta en Antropoloxía Teatral, Medical Humanities, Arte e Saúde
– María Sánchez. veterinaria e escritora.
Modera: Branca Novoneyra.

A cidade, o barrio e o hospital son territorios literarios. Fundándonos sobre a xeoliteratura da contorna para escoitar sobre a recuperación de narrativas inmateriais que poden mobilizan a memoria das comunidades.

Domingo 21 de Xaneiro

10h30 Mesa // “Lectura como ferramenta de intervención coas comunidades” con:

– Jesús Sueiro Justel. Médico de familia. Portavoz da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria.

– Yolanda Sanmartín Reinoso. Bibliotecaria do complexo Hospitalario Universitario de Vigo. SERGAS-Bibliosaúde.

– Carina Moreira. Mediadora do ‘Bookpower. Biblioterapia con Mulleres en Risco de Exclusión’ co Espacio Rojo.

– Nuria García Gonzalo. Terapeuta ocupacional do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.

– Carlos Martínez Uzal. Coordinador de Itínera. Voluntarios en Saúde Mental.

Modera: Liana Vella

Numerosas experiencias de dinamización lectora colocan no centro a dimensión igualitaria a través da mediación coas comunidades. Coñeceremos casos de clubes de lectura, catálogos de libros saudables, grupos de biblioterapia e outras accións participadas que median coas comunidades de usuarios en centros hospitalarios, centros culturais, cívicos ou locais asociativos. Descubriremos boas prácticas lectoras que atenden as necesidades de diversal comunidades en risco de vulnerabilidade social.

12:30 Pausa-Café.
13h. Recital poético // “Poesía de Coidado” 
María Sánchez 
Antón Lopo
Jaume Coll Mariné
Uxue Alberdi 
Eñaut Elorrieta 

Podes descargar o programa de “Lecturas de coidado” nesta ligazón.

QUERES ASISTIR AO ENCONTRO?
Escríbenos ao correo a administracion@uxionovoneyra.com cos seguintes datos: nome, enderezo, teléfono e correo electrónico antes do 15 de xaneiro 2024.

Se precisas máis información contáctanos no +34 659888709 ou escribenos ao correo administracion@uxionovoneyra.com