Categorías
Novas

Programación da VIII edición do Festival dos Eidos

Entre o 25 e o 27 de agosto terá lugar en Parada, Folgoso do Courel, na casa natal do poeta Uxío Novoneyra, a oitava edición do Festival dos Eidos que contará coa presenza das poetas Chus Pato, Antón Reixa, Ana Romaní, Eva Veiga, Marina Oroza e Joâo Barrento e coas actuacións musicais de Os Resentidos e Radio Océano.

Ademais de música e poesía, os asistentes poderán gozar da lectura danzada «Em torno da árvore, estendia-se o jardim nascente» con Eva Valle, Nieves Neira Roca, María Grandío, María Corral Fernández e Beatriz Rodríguez Morales. Os poetas Alba Cid e Estevo Creus porán en escea o espectáculo de música e poesía A Faia de Ponto en diálogo co músico improvisador Xosé Miguélez.

O fotografo Federico García Cabezón, médico no Courel dos anos 80, traeranos a exposición fotográfica “Onde só queda alguén pra aguantar dos nomes” protagonizada polos homes e mulleres que naquela altura traballaban e vivían na montaña.

O director Óscar Alegría e o crítico Xosé Manuel Sande manterán un coloquio ao redor de Zumiriki, a peza do cineasta navarro que filma o paso do tempo nas montañas do Pirineu.

A Fundación Legar transportaranos, nunha peza de arqueoloxía sonora, deica a paisaxe de sons do Courel, tal e como foi coñecido polo poeta.

O biólogo Xavier Vázquez Pumariño, un clásico do Festival, amosaranos a ornitoloxía do Courel mentres que Río Lagares, nome de guerra dos artistas Cé Tomé e Xavier Queipo, presentarannos as súas últimas creacións artísticas de par doutros músicos e Djs como Xackal, Dj Tristón ou Jass Processor.

As entradas están xa dispoñibles nesta ligazón.