Categorías
Novas

Ataque Escampe substitúe Os Resentidos no Festival dos Eidos

Logo de que o grupo Os Resentidos comunicase a cancelación da súa actuación na VIII edición do Festival dos Eidos por motivos de saúde dun dos seus compañeiros, a organización do festival comunica que será a banda compostelá Ataque Escampe a súa substituta no mesmo espazo e horario.  O recital de Antón Reixa no acto de homenaxe a Carlos Oroza polo seu centenario permanece no programa.

Cartel do festival.

Por outra banda, a todas as persoas que adquiriron as entradas para o concerto, indicámoslles que a partir de hoxe está activado o medio de devolución do importe das mesmas mediante o seguinte procedemento, que xa foi notificado á defensora do consumidor:

Aos clientes que adquiriron as súas entradas con carta de crédito ou débito faráselles efectiva a devolución directamente á carta coa cal se realizou a compra de forma automática.

Aos clientes que adquiriron as entradas en efectivo, as devolucións de diñeiro realizaranse nos puntos de venda, previa cita, sendo indispensable presentar as entradas en perfecto estado. Para tal efecto, por favor, enviade un correo electrónico a: info@eidosfest.com coa seguinte información:

1. Nome completo.

2. Número de teléfono.

3. Cantidade de entradas adquiridas.

4. Incluir no asunto do correo a seguinte frase: DEVOLUCIÓN BONO FESTIVAL POR CANCELACIÓN OS RESENTIDOS.

5. O persoal de atención ao cliente, poráse en contacto co cliente nun prazo de 24 horas hábiles para coordinar a cita.

Desde a organización do Festival dos Eidos pedimos desculpas a todas as persoas que a antedita muda na programación lles ocasione molestias.

Pregamos a súa difusión e quedamos ao voso dispor para calquera cuestión relacionada ou independente.

Nesta ligazón podes acceder á programación actualizada do Festival.

Categorías
Novas

Programación da VIII edición do Festival dos Eidos

Entre o 25 e o 27 de agosto terá lugar en Parada, Folgoso do Courel, na casa natal do poeta Uxío Novoneyra, a oitava edición do Festival dos Eidos que contará coa presenza das poetas Chus Pato, Antón Reixa, Ana Romaní, Eva Veiga, Marina Oroza e Joâo Barrento e coas actuacións musicais de Os Resentidos e Radio Océano.

Ademais de música e poesía, os asistentes poderán gozar da lectura danzada «Em torno da árvore, estendia-se o jardim nascente» con Eva Valle, Nieves Neira Roca, María Grandío, María Corral Fernández e Beatriz Rodríguez Morales. Os poetas Alba Cid e Estevo Creus porán en escea o espectáculo de música e poesía A Faia de Ponto en diálogo co músico improvisador Xosé Miguélez.

O fotografo Federico García Cabezón, médico no Courel dos anos 80, traeranos a exposición fotográfica “Onde só queda alguén pra aguantar dos nomes” protagonizada polos homes e mulleres que naquela altura traballaban e vivían na montaña.

O director Óscar Alegría e o crítico Xosé Manuel Sande manterán un coloquio ao redor de Zumiriki, a peza do cineasta navarro que filma o paso do tempo nas montañas do Pirineu.

A Fundación Legar transportaranos, nunha peza de arqueoloxía sonora, deica a paisaxe de sons do Courel, tal e como foi coñecido polo poeta.

O biólogo Xavier Vázquez Pumariño, un clásico do Festival, amosaranos a ornitoloxía do Courel mentres que Río Lagares, nome de guerra dos artistas Cé Tomé e Xavier Queipo, presentarannos as súas últimas creacións artísticas de par doutros músicos e Djs como Xackal, Dj Tristón ou Jass Processor.

As entradas están xa dispoñibles nesta ligazón.