Categorías
Novas

Pamen Pereira e Ché Marchesi instalan “Tempo de Elexía” na Fundación Uxío Novoneyra

Pamen Pereira e Ché Marchesi presentaron o pasado 14 de xullo “TEMPO DE ELEXÍA” na Fundación Uxío Novoneyra en Parada do Courel. A instalación comparte título co libro publicado por Vía Láctea no ano 1991, unha edición revisada dos poemas de impronta existencial escritos polo poeta entre os anos 1953 e 1965.

Pamen Pereira e Ché Marchesi

A maior parte da aldea de Parada do Courel asistiu á apertura da mostra. Entre o público asistente atopamos os patronos da entidade, Federico G. Cabezón, Orlando Álvarez, María Prieto ou o gaiteiro Xan Silbar, que tocou unhas pezas nas antigas cortes para un nutrido grupo de veciñanza. Todas e todos gozaron dunha longa visita guiada. Pamen Pereira e Ché Marchesi instalaron pezas na antiga corte do curral e no cuarto onde o poeta Carlos Oroza viviu longas tempadas. Os asistentes escoitaron o son da chuvia mesta e leron poemas caligráficos sobre os cristais das fiestras.

Despois dunha quincena de estadía en Parada do Courel, Pamen Pereira comentou: “Conseguimos domar a besta. Levamos quince días a traballar intensamente na Fundación Uxío Novoneyra, na aldea de Parada do Courel. Ollamos cara a morte e a vida, e fixemos brilar a bela alma do animal, coñecendo cada unha das súas astas, mimándoas e a acariñándoas ata atopar a súa luz. Achamos a podremia, respiramos o seu cheiro sen pestanexar e, na plena transformación alquímica, atopamos a fermosura da flor que nace das augas limosas. A obra fica instalada na antiga corte da casa de Uxío, o poeta do Courel. A nosa amorosa homenaxe a “Os Eidos”.

Instalación de Pamén Pereira e Ché Marchesi nas antigas cortes da Fundación.

A residencia “Escrita no Remoto” é parte da programación expandida do Festival dos Eidos

A Fundación Uxío Novoneyra vén de ser incluída entre as vinte entidades que o informe Estudio de Impacto Socio-demográfico de la Cultura en el Medio Rural monitoriza en todo o estado. Este proxecto do Ministerio de Cultura y Deporte en colaboración con investigadores de Zaragoza e La Rioja foi presentado o pasado 6 de xullo no “VI Foro de Cultura y Ruralidades”. A entidade courelá que destaca pola diversidade da súa acción cultural, celebra este xullo a segunda edición da residencia “Escrita no Remoto” acollendo os artistas Pamen Pereira e Ché Marchesi durante a primeira quincena, e a escritora María Sánchez durante a segunda de xullo.

Co apoio da Rede Museística da Deputación de Lugo, entidade que sostivo a estadía previa no Pazo de Tor en Monforte de Lemos, a residencia “Escrita no Remoto” suma agora o apoio do programa autonómico xestionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Territorio Cultura. O Festival dos Eidos coa programación expandida foi a proposta mellor valorada pola Xunta de Galicia no desenvolvemento do programa vencellado aos Fondos Next Generation. A residencia incorpora un cofinaciamento da estratexia Horizonte Europa rurAllure.eu para atraer audiencias ao patrimonio literario que perimetra os Camiños de Santiago.

A produción site-specific “Tempo de Elexía” sumou achegas cortesía da Cooperativa A Carqueixa, O Sabor dos Ancares e os produtores apícolas O Galeirón. Os tres facilitaron produtos e materiais (cornos de vaca, cera de abella e cascas de ovo) incorporados na peza exposta dun xeito permanente na sede da fundación. Tamén engadiu o apoio de Cervexas Alhambra e Bodegas Martín Codax, patrocinadores habituais da entidade courelá.

Pamen Pereira, recoñecida pola potencia primordial da súa linguaxe poética, última cadeira incorporada á Real Academia Galega das Belas Artes, estudou Belas Artes na Universitat Politècnica de València. A mediados dos anos oitenta iniciou unha destacada traxectoria artística. Viaxou e desenvolveu proxectos en moitos lugares, expuxo as súas obras tanto individualmente como a través de mostras colectivas en galerías de arte, museos e espazos culturais de todo o Estado, de distintas cidades europeas, asiáticas e americanas. Residiu longas tempadas en países como Xapón ou Tanzania ou alén, en lugares extremos e remotos como a Antártida e o Sáhara.

Ché Marchesi estudou Belas Artes na UCM e activou numerosos proxectos artísticos relacionados coa poética da natureza, a bioloxía, a evolución e a ciencia. Apaixonado dos sistemas de coñecemento e dos sentimentos, na actualidade xestiona intercambios culturais con Senegal.