Aberto prazo de inscrición no ciclo ‘Lecturas habitadas: Sesións de biblioterapia para mulleres’
A actividade, que ten como obxectivo espertar a capacidade creadora e o empoderamento feminino a través da lectura, terá lugar durante a fin de semana do 1 ao 3 de agosto na Fundación Uxío Novoneyra en Parada do Courel. Durante tres xornadas consecutivas leremos e conversaremos xuntas arredor dos seguintes temas: Venres 1 de agosto: “Unha introdución á biblioterapia”, guían Branca Novoneyra e Lucía Miranda-Morla. Sábado 2 de agosto: “Lírica botánica”, guía Branca Novoneyra. Domingo 3 de agosto: “A gourmet literaria”, guía Lucía Miranda-Morla. Quen pode participar? Mulleres de todas as idades que teñan interese pola lectura. Que leremos? Leremos textos que entroncan cas novas temáticas propostas, sempre sen repetir lecturas doutras edicións. Abriremos o encontro cunha sesión dedicada a coñecer as orixes e o desenvolvemento da biblioterapia. Faremos unha breve presentación da disciplina e leremos fragmentos de textos escollidos para descubrir a súa aplicación actual. Durante a sesión monográfica que relaciona as plantas coa poesía, leremos “Lírica botánica” en obras de poetas e autoras dos séculos XIX e XX como Emily Dickinson, Rosalía de Castro, Rosa Luxemburg, María Mariño, Louise Glück, Adilia Lopes e Chus Pato entre outras. A sesión de peche, “A gourmet literaria”, que tamén podemos chamar “gastronomía poética”, dedicarémola ás lecturas acerca da interacción entre literatura e gastronomía; as emocións epicúreas e a memoria culinaria a través de textos moi variados de autoras como Natalia Ginzburg, María Sánchez, Marguerite Duras, Maria Nicolau, ou Banana Yoshimoto entre outras. Horario: O venres 1, entre 17.30h a 20.00h, e o sábado 2 e o domingo 3, entre 12h. á 17h. Xantaremos ao aire libre na horta da Fundación Uxío Novoneyra (14.30h – 15.30h). Como podo participar? É unha actividade de balde. Abrimos o prazo de inscrición o xoves 26 de xuño e pechámolo o mércores 16 de xullo. Ofertamos 12 prazas que outorgaremos por orde de recepción das solicitudes no correo branca@uxionovoneyra.com Precisamos que compartas os seguintes datos no corpo do correo: nome e apelidos, número do documento de identidade, enderezo e teléfono de contacto. Unha vez recibida a solicitude, comunicaremos por correo electrónico a adxudicación da praza (ou as prazas) solicitadas. Podes asistir ao ciclo completo ou escoller algunha sesión monográfica. Precisamos que concretes a túa intención de asistir ao ciclo completo ou que indiques o título da/s sesión/s monográfica/s á/ás que desexas asistir. As Lecturas habitadas: sesións de biblioterapia para mulleres son un ciclo de actividades lectoras iniciadas no marco do proxecto Bookpower Erasmus+ (2021-2022). Esta cuarta edición fai parte das actividades do proxecto Creative Europe Free Radicals do que podes atopar máis información na web www.freeradicals.space


