A MIÑA CESTA

Uxío Novoneyra réndelle homenaxe ao Zeca

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on linkedin
Share on telegram

O 10 de abril de 1972 tiña lugar, nun dos pavillóns da residencia de estudantes do Burgo das Nacións en Compostela, o primeiro concerto do Zeca Afonso en Galiza no contexto dun país conmocionado polo asasinato dos obreiros Amador Rey e Daniel Niebla en Ferrol un mes antes. Vinte cinco anos máis tarde, o 8 de maio de 1997, rendíalle homenaxe a Zeca Afonso case no mesmo lugar, no Auditorio de Galicia, o poeta Uxío Novoneyra.

Como é sabido, o himno alentejano Grândola Vila Morena, interpretado polo Zeca Afonso e emitido pola Radio Renaixença o 25 de abril de 1974, foi o contrasinal acordado polo Movimento das Forzas Armadas para comezar a Revolución dos Cravos que había pórlle fin á longa ditadura salazarista en Portugal.

Dous anos máis antes, o cantautor Benedicto acompañou á guitarra ao Zeca Afonso en Santiago de Compostela, nun ateigado comedor dos pavillóns do Burgo das Nacións, nunha actuación célebre que foi incorporada á memoria sentimental de varias xeracións.

Vinte cinco anos máis tarde, en 1997, Uxío Novoneyra, nunha das súas últimas aparicións en público, recitaba no Auditorio de Galicia en homenaxe ao Zeca Afonso  o seguinte poema:

PORTA xorda cravada que o pulo sabe!
Dente puño teso a premer valeiro!
Cando volva o vento
serás ti Libertá ou somente abalar de árbores?
Rota a corda que tempera a forza do sino
un pobo enteiro rébrese no tempo
Folga Xeral contra da Historia.
Compría agouxarse en calquer ichó
mais seguín fora á xistra
velando norde estrela longa brillo atuido.
Alguén chama. Alguén agarda.
Corazón tente
sostén a gran nembranza.
1966