A MIÑA CESTA

Segunda edición de ‘Ulises pasea por Lugo’

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on linkedin
Share on telegram

Os días 16, 17 e 18 de maio a Fundación Uxío Novoneyra celebrará en Lugo, co patrocinio do Concello de Lugo e do programa Ulysses European Odissey, a segunda edición de “Ulises pasea por Lugo” centrado na literatura gastronómica e en Ánxel Fole.

Debuxo de Jesús Otero.

Cadrando co centenario da obra central do Modernismo literario Ulysses, de James Joyce, o programa financiado pola Unión Europea “Ulysses European Odissey” puxo en marcha unha iniciativa itinerante por 18 cidades europeas nas que se interpreta cadanseu episodio do libro.

A cidade de Lugo celebrou o ano pasado a primeira edición deste programa so a lenda “Ulises pasea por Lugo” no que se levou a escena, desde un punto de vista multidisciplinar, o Capítulo VIII, Lestrigóns, baseado na comida, e que mereceu un rotundo recoñecemento por parte das persoas que asistentes.

Mercado de Abastos.
Mercado de Abastos. Foto de Adra Pallón.

Na edición deste ano, a comida volverá ser a protagonista dun festival que arrincará a mañá do 16 no Mercado de Abastos de Lugo, coa reconstrución sonora deste espazo hai un século a cargo da Fundación Legar, de Xavier Blanco e Martina Ferradáns. Seguidamente, o poeta Antom Fortes, do colectivo de Lupercais dará un brinde poético antes de dar paso ao primeiro faladoiro que terá lugar ás 17h no Vello Cárcere. Alí, a escritora María Sánchez, o gastrónomo Jorge Guitián e os produtores comprometidos co territorio, Adrián Lago (Queixos do Castelo) e Román Sánchez (Cooperativa A Carqueixa) analizarán os puntos de encontro entre literatura, gastronomía, arte e identidade.

Nese mesmo espazo, ás 18h, terá lugar o segundo faladoiro “Homenaxe Ánxel Fole: De Yunque a Historias que ninguén Cree” no que os escritores Constantino Bértolo, Branca Novoneyra e Claudio Rodríguez Fer analizarán, canda o editor Juan Soto, a figura literaria e xornalística de Ánxel Fole.

O poeta lugués Lois Pérez será o encargado de pórlle o ramo a esta xornada cun brinde poético.

Foto de Adra Pallón.
Foto de Adra Pallón.

A xornada do venres 17 terá lugar unicamente en sesión de tarde, e dará comezo ás 17:30 no Vello Cárcere, co faladoiro “Galicia e Irlanda: Do celtismo á recepción do Ulises na li na literatura actual” no que os escritores Marilar Aleixandre e Felipe Senén debullarán, canda o dramaturgo Eusebio Lázaro, a influencia do Ulises na literatura actual.

O poeta Xerardo Quintiá, de Lupercais, será o encargado do brinde poético ao remate do debate.

A banda Radio Océano poralle o albaroque a esta xornada coa celebración dun concerto no Mercado de Abastos a partir das dez da noite.

A xornada do sábado 18 comezará ás 11h no Pazo de Orbán desde onde a guía local Lidia de la Fuente (Camiños con Arte) fará unha ruta polo Lugo de Fole. Unha hora máis tarde, ás 12h, terá lugar unha lectura foleana onda a estatua do autor de Á lus do candil situada na traseira do Concello. Ás 13h, o Clube de Lectura Lugo fará unha lectura do Capítulo VIII do Ulises, Lestrigóns, no Portón do Recanto e, ao seu remate, a escritora luguesa Marica Campo recitará o seu brinde poético.

A segunda edición do “Ulises pasea por Lugo” rematará ás 20:30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire coa peza de danza “Afectos” a cargo de Kirenia Acosta.

O programa pódese descargar aquí.