Novas

Comezou o concurso fotográfico Comparte a túa ruta 2023

O Concurso europeo de fotografía “Comparte a túa ruta 2023”, que comezou o pasado 1 de xuño, ten unha duración de 4 catro meses e dará a coñecer o seu gañador o vindeiro 16 de outubro. O concurso ofrece unha oportunidade para compartir a túa experiencia e aventuras na ruta a todos os peregrinos que viaxen polas seguintes rutas culturais europeas e itinerarios históricos: O Camiño Xacobeo, a Vía Romea Germanica, os Camiños de Santo Olav e os camiños de Csíksomlyó, o Camiño da Virxe María. Esta iniciativa ten como obxectivo concienciar sobre a viaxe lenta e o turismo sustentable con especial atención á descuberta de áreas rurais e o legado e tradicións culturais. Organizado polo proxecto europeo RurAllure e a Asociación Europea da Vía Francigena (a cargo do proxecto de comunicación), dá a coñecer os valores do diálogo intercultural,contribúe ao desenvolvemento sustentable e á sensibilidade co medio ambiente. A edición do 2022 do concurso contou cun total de máis de 3.000 fotos publicadas polos usuarios das Redes Sociais de todo o mundo, xerou máis de 70 publicacións e artigos en medios nacionais e internacionais, posts nas Redes e materiais en 10 linguas. Para participar no concurso só precisas publicar u post sobre as rutas mencionadas en Facebook, Twitter ou Instagram relatando as túas experiencias de viaxe, culturais ou eno-gastronómicas, incluíndo a localización e tagueando a páxina @rurAllure e #rurallure. O Proxecto europeo rurAllure (Horizon 2020) une as rutas europeas, promovendo o legado cultural das súas contornas con especial atención ás zonas rurais. O seu obxectivo é crear unha rede pública e privada de actores interesados (stakeholders) por toda Euroopa, de tal xeito que os peregrinos poidan coñecer os territorios que atravesan e descubrir o seu patrimonio cultural e natural. Máis información en www.rurallure.eu e www.viafrancigene.org/fr Podes descargar aquí as bases do concurso (en español).

LER MÁIS »

Aberto prazo de inscrición para o ciclo Lecturas habitadas

A segunda edición de biblioterapaia “Lecturas habitadas”  celebrarase entre o 4 e o 6 de agosto na Fundación Uxío Novoneyra, en Parada de Courel, e ten como obxectivo espertar a capacidade creadora e o empoderamento feminino. Durante as sesións leremos fragmentos de libros escritos polas autoras: Hélène Bessette, Julia Castillo, Marguerite Duras, Louise Glück, Esther Kinski, Macha Méril, Olga Novo, Nuala O´Faolain e Virginia Woolf, entre outras, co obxectivo de abrir un espazo de lectura e pensamento creativo arredor da literatura escrita por mulleres. Durante tres xornadas leremos xuntas e conversaremos arredor dos seguintes temas: 4 de agosto: Unha introdución: Remedios Literarios. Que é a biblioterapia? por Branca Novoneyra e Lucía Miranda Morla 5 de agosto: Habitar a natureza salvaxe por Branca Novoneyra 6 de agosto: Lembrar e reconstruírse por Lucía Miranda Morla Cando? Días e horarios: Durante a primeira fin de semana de agosto. O venres 4 entre 17h30 a 20h e o sábado 5 e domingo 6 entre 12h. á 17h. Comida ao aire libre (14h30-15h30). Onde? Na sede e no arredor da Fundación Uxío Novoneyra en Parada do Courel. Quen pode participar? Mulleres de todas as idades interesadas na lectura. Como podo participar? É unha actividade de balde. Abrimos o prazo de inscrición o 7 de xuño e ofertamos un máximo de 12 prazas por sesión. Podes asistir ao ciclo completo ou, por separado, a cada unha das sesións monográficas. Debes formalizar a inscrición antes do 1 de agosto no correo branca@uxionovoneyra.com Precisamos que indiques a intención de asistir ao ciclo completo ou que indiques o título da/s sesión/s monográfica/s á/ás que desexas asistir. Precisamos que compartas os seguintes datos no corpo do correo: nome e apelidos, DNI, enderezo e teléfono de contacto. As prazas serán outorgadas segundo a orde de recepción das solicitudes. As “Lecturas habitadas: Sesións de biblioterapia para mulleres” é un ciclo de actividades lectoras iniciadas no marco do Bookpower Erasmus+. Nesta edición atópase subvencionado pola segunda convocatoria do Territorio Cultura da Axencia Galega de Industrias Culturais que ten como obxectivo ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas Territorio Cultura, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) 2021/241.

LER MÁIS »

Celebrada con éxito a primeira edición do centenario europeo do Ulises en Lugo

O comité organizador desta programación internacional reunido onte felicitou á cidade de Lugo e á Fundación Uxío Novoneyra pola calidade do programa conmemorativo da publicación do libro celebrado na cidade amurallada entre o 19 e o 21 de maio baixo o título de “Ulises pasea Lugo”. A obra magna de James Joyce, publicada en 1922, mudou para sempre a nosa concepción da literatura, os seus límites e capacidades expresivas. A cultura galega foi a primeira das da Península Ibérica en reaccionar ante a súa aparición cunha tradución fragmentaria realizada por Otero Pedrayo e publicada en 1926 na revista Nós, un feito que pon de manifesto a especial atención entre a cultura galega e a irlandesa xa naquela altura baixo o paradigma do celtismo. Cen anos despois, a celebración do centenario ao seu paso por Lugo co proxecto Europa Creativa a grande escala “Ulysses European Odissey” a finais do pasado mes de maio revisou e actualizou o impacto da obra de Joyce na nosa cultura nunhas xornadas definidas polo seu carácter multidisciplinar e que contaron, ademais, cunha elevada asistencia do público local e de toda Galicia. Os directores do centenario para toda Europa, os irlandeses Sean Doran e Liam Browne, presentes en toda a programación luguesa, amosaron o seu entusiasmo tanto pola calidade e intensidade do programa de actuacións como pola descuberta feliz dunha cidade que lles resultaba practicamente descoñecida e á que definiron como “o mellor escenario posible para a celebración do capítulo VIII do libro, Lestrygonians, centrado na comida e a gastronomía”. Neste sentido, cómpre lembrar que a produción, distribución e consumo de alimentos tiveron un especial protagonismo nesta primeira edición do “Ulises en Lugo”, sendo o Mercado Municipal de Lugo o entorno escollido para a inauguración das xornadas cunha peza de arqueoloxía sonora a cargo da Fundación Legar, composta por Martina Ferradás e Xavier Blanco. Álvaro Villasante do restaurante Paprica, ofreceu unha actualización á galega do petisco de pan con queixo gorgonzola e viño de Borgoña que Harold Bloom degusta no libro. No simposio “Lestrigóns: a nosa relación diaria coa produción de alimentos”, a concelleira de Mercados Cristina López defendeu a vixencia deste modelo como garantía de sostibilidade e de acceso a produtos de proximidade dunha alta calidade. Alberto González Villar, xerente da Praza de Abastos de Ourense, Adrián Lago, de Queixos Castelo e Pablo Lodeiros, de adegas Lodeiros, e Álvaro Villasante participaron tamén nestas mesas sobre a produción e consumo de alimentos con identidade propia. Na parte escénica, a Asociación 3Monos realizou unha interpretación danzada do capítulo VIII do Ulysses que foi especialmente valorada polos representantes da UEO alí presentes. A Orquestra Filarmónica de Lugo, dirixida por Iván Martínez Sabio, executou un repertorio ad-hoc que contou cunha grande asistencia de público. No que atinxe ao plano literario, Xavier Queipo e Antón Vialle expuxeron a súa experiencia como tradutores do Ulysses ao galego nunha conferencia dirixida por Francisco Castro, director de Galaxia, na que tamén tomou a palabra o escritor galego Isaac Xubín. Cid Cabido, Keith Payne, María Linheira, Lois Diéguez e Felipe Senén analizaron na xornada do sábado, moderada por Alberto Lema, a relación da cultura galega

LER MÁIS »

Branca Novoneyra presenta o seu novo poemario As cunchas baleiras

A presentación terá lugar este mércores 31 de maio ás oito e media na libraría Númax, en Santiago de Compostela, xunto con Olalla Cociña, e o vindeiro 1 de xuño na libraría luguesa Trama, de par de Nieves Neira. Dez anos da escrita de BrancaNovoneyra aparecen reflectidos en As cunchas baleiras, o libro que racha cun silencio poético da autora de máis de dez anos e que nos sitúa ante un tratamento audaz das materias da enfermidade e da acción política. A súa escrita, fundada nunha esixencia radical de autenticidade á palabra poética, insírese nunha tradición habitada por poetas como Kathleen Raine, Gary Snyder ou Ted Hughes, ademais das influencias seminais de autores como Uxío Novoneyra e Carlos Oroza.

LER MÁIS »

Ulises pasea Lugo

A “Ulysses European Odissey”, programación europea bienal que conmemora o centenario do Ulises de James Joyce, obra capital da literatura europea, e que se celebra en 18 cidades europeas diferentes, aterra en Lugo entre os días 19 a 21 de maio, a única cidade do estado español participante, cun completo programa literario, artístico e gastronómico baseado no capítulo VIII “Lestrygonians”, centrado na literatura e a gastrocultura. Leopold Bloom pasea no libro polas rúas de Dublin o 16 de xuño de 1904 e para nun pub ao mediodía a tomar un petisco de pan e queixo gorgonzola, acompañado por un viño de Borgoña. A comida, o viño, o paseo e a literatura serán tamén os protagonistas da celebracion  “Ulises en Lugo”, que contará cun programa descentralizado por toda a cidade con 20 actos diferentes nos que participarán preto de 40 diferentes axentes culturais e gastronómicos entre escritoras, poetas, tradutores, bailarinas, músicos, cociñeiros, académicas ou labregos, entre outros perfís de referencia nos diferentes eidos que abrangue este programa cultural internacional. Nestas xornadas analizarase a historia da tradución do Ulysses ao galego; a literatura gastronómica; a estreita relación entre Galicia e Irlanda; as súas semellanzas culturais, artísticas e mesmo históricas; e a influencia do libro de Joyce, cume do modernismo literario do século pasado, na literatura galega actual. Así mesmo, o festival organizará un simposio no que se analizará o vizoso sector gastrocultural de Lugo e Galicia, dende a produción, ata a distribución e o desfrute da nosa gastrocultura, referente europea. Cociñeiros, produtores, académicos e labregos serán os encargados de explicar, en primeira persoa, as súas achegas a un factor cultural de primeira magnitude, como é a alimentación. As actuacións da Filarmónica de Lugo, a reconstrución sonora da Praza de Abastos de Lugo cara a 1920 e unha interpretación danzada do capítulo VIII a cargo da compañía 3Monos forman parte tamén do programa dunhas xornadas que contará coa participación de Antón Reixa, Yolanda Castaño, Marica Campo, Xavier Queipo, Cid Cabido, María Linheira, Francisco Castro, Genaro da Silva, Isaac Xubín, Keith Payne, Sara Plaza, Lois Diéguez ou da poeta e veterinaria María Sánchez, entre moitos outros. Ulysses European Odyssey é o primeiro programa Europa Creativa de cooperación cultural a grande escala no que participa a cidade de Lugo, en colaboración coa Fundación Uxío Novoneyra. O programa do festival pódese descargar aquí.

LER MÁIS »
Logo da NEMO

A Fundación Uxío Novoneyra pasa a formar parte da NEMO

O pasado 1 de abril, a Fundación resultou escollida entre 33 candidaturas que optaban a formar parte da Rede Europea de Organizacións de Museos, NEMO, xunto con outras catro entidades de Italia, Montenegro, Hungría e Bulgaria. A Rede Europea de Organizacións de Museo (NEMO) foi fundada en 1992 como unha agrupación independente de museos nacionais que representan a cmunidade de museos dos estados membro do Consello de Europa. Por xunto, a NEMO agrupa máis de 30.000 museos de toda Europa. O Padroado da FUN expresa a súa satisfacción por este logro que certifica a validez da estratexia de internacionalización levada a cabo nos últimos anos, o que vai permitir afondar no traballo en rede con outras entidades europeas comprometidas na xestión, difusión e conservación do patrimonio cultural a través dos museos. Máis en concreto, a adhesión facilitará o acceso gratuíto da FUN a todos os beneficios asociados á NEMO, como son o intercambio de coñecemento en materias como a xestión cultural, a organización de eventos, o mecenado e financiamento, a comunicación e o márketing culturais, ademais da cooperación e a internacionalización. O Padroado da Fundación considera relevante, así mesmo, a adhesión a esta rede internacional dunha entidade comprometida na defensa e promoción da cultura creada nunha lingua minoritaria, como é o caso do galego, e celebra este paso adiante na defensa e recoñecemento da mesma, tal e como se establece nos principios asumidos polos estados membros da UE na Carta Europea das Linguas Minoritarias.

LER MÁIS »