A MIÑA CESTA

Un cento de persoas participaron nas primeiras ‘Lecturas de coidado’ celebradas en Santiago de Compostela

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on linkedin
Share on telegram

A lectura como ferramenta de transformación social coas comunidades protagonizou a primeira edición do encontro celebrado o sábado 20 e o domingo 21 dexaneiro no Hospital Psiquiátrico de Conxo

Unha Visita ao Patrimonio Invisible do Hospital Psiquiátrico de Conxo guiada por Leo González (Trivium) e a performance “Cinguir o linde, romper a testa, crebar o corazón” da artista Neves Seara abriron un programa centrado na importancia da lectura como práctica de intervención coas comunidades que reuniu máis dun cento de persoas durante dúas xornadas organizadas pola Fundación Uxío Novoneyra no Psiquiátrico de Conxo.

No acto inaugural presidiu a mesa a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada por Alfonso Varela, Director Médico da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Natividad González, Deputada de Cultura da Deputación de Coruña, e a Directora da FUN, Branca novoneyra. A conferencia inaugural estivo a cargo de Belén Gopegui que, baixo o título “Esta Espera Feroz” achegou as teses do seu último libro El Murmullo, unha proposta crítica para ler a literatura de autoaxuda como xénero de ficción.

Durante a tarde celebrouse a primeira mesa de debate sobre “A Literatura, o Patrimonio e os Coidados” coa intervención do editor Quique Alvarellos sobre a identidade distintiva do barrio de Conxo como territorio literario; unha comunicación sobre as narrativas da psicose a cargo do psiquiatra e coordinador do Hospital Psiquiátrico de Conxo, Ramón Area; unha introdución as medical humanities e a medicina narrativa da pedagoga Liana Vella, e unha intervención literaria sobre o proxecto Almáciga, glosario de palabras desaparecidas do mundo agrario que escritora María Sánchez recolleu en todas as linguas do estado.

A xornada do domingo abriu cunha mesa de debate na que se presentou un repertorio de experiencias lectoras, entre elas, clubes de lectura, actividades de biblioterapia e catálogos de lecturas saudables, que foron de interese para o público asistente con numerosos docentes e bibliotecarios de bibliotecas escolares e hospitalarias, terapeutas ocupacionais e diversas persoas interesadas na lectura como práctica de fomento da capacidade creadora, capacitadora e empoderadora.
O programa pechou cun recital titulado “Poesía de Coidado” na escalinata de mármore coas intervencións dos poetas Antón Lopo, María Sánchez e Jaume Coll que foron presentados por Nieves Neira que recitaron poemas estreitamente relacionados coa temática do encontro.

Entre o público asistiron escritores/as como Xelís de Toro, Arancha Nogueira, Marga do Val, os editores de Irmá Cartoné e Paco Macías (Edicións Positivas) e docentes como Alicia López Pardo,Comba Campoi e Loli Fojón.
As Lecturas de Coidado celebráronse con apoio da convocatoria de Fomento da Lectura e as Letras Españolas, unha liña de subvencións do Ministerio de Cultura que apoiou esta única acción monográfica dentro do Plan de Fomento da Lectura 2021-2024 en Galicia durante este último ano. Despois da ampla e positiva acollida de público, o novo proxecto lector para as comunidades reforza a súa vocación anual.