Novas

Presentación da webserie ‘Ronsel de futuro: historias soterradas’ na FUN

Logo de presentar esta serie de ficción ambientada nos distintos espazos que conforman a Rede Museística da Deputación de Lugo nos Cines Númax e en Bos Aires, a webserie documental será emitida o vindeiro venres, 16 de decembro, ás 13 horas, en Parada do Courel. Un ronsel de futuro trata de achegar, a través do cine, toda a inmensidade dos catro museos que forman a Rede Museística Provincial de Lugo. O obxectivo fundamental do proxecto é amosar os contidos materiais e emocionais dos Museos a través dunha historia de ficción, así como documentar a nosa historia e patrimonio. Braulio acaba de saír do cárcere logo de cumprir unha condena por facer grafites de dinosauro no patrimonio. Para poder saír de Bonxe acepta un titor, Alexandre, que cunha metodoloxía moi peculiar, faralle ver a necesidade de realizar esta webserie documental sobre a Rede Museística como parte da súa reinserción na sociedade. Co paso dos capítulos todo encaixará na cabeza de Braulio. O Señor López, da man de Brian Rodríguez e Rubén Pérez, son os produtores deste proxecto no que participan a propia xerente da institución Encarna Lago, artistas como Mónica Alonso e persoas de relevo na sociedade luguesa, como Pilar Yáñez ou Mónica Álvarez, contando coa colaboración do Club Sénior do Museo do Mar, o Grupo de Teatro Antas de Ulla, Espazo Lupa así como o Colexio Público de Antas. A webserie viaxou xa a diferentes localizacións da provincia de Lugo como O Cebreiro, Foz ou Samos así como os propios museos: o Pazo de Tor, Museo-Fortaleza San Paio de Narla, Museo Provincial de Lugo e Museo do Mar.

LER MÁIS »

Belén Gopegui participará nas ‘Lecturas de coidado’ que organiza a FUN

O primeiro encontro sobre a lectura como ferramenta transformadora coas comunidades celebrarase o 20 e 21 de xaneiro no Hospital Psiquiátrico de Conxo (Santiago de Compostela). Desde a Fundación Uxío Novoneyra (FUN) convocamos a todas as persoas interesadas na lectura e nos coidados a participar nun encontro durante dúas xornadas no Hospital Psiquiátrico de Conxo, un lugar onde aínda ecoa aquel lema reivindicativo dos tempos finais da ditadura: “Conxo Capital da Movida Mental”. A cidade, Santiago de Compostela, o barrio, Conxo, e o seu emblemático hospital, son vizosos territorios literarios que inspiran unha conversa sen cancelas sobre a lectura, o patrimonio e os coidados para detectar cales ferramentas lectoras son máis axeitadas para coidar das comunidades vulnerábeis. Nestes intres, cando precisamos recuperar a lectura atenta para activar a diminuída capacidade crítica, debemos coidarnos con lecturas que defenden ampliación dos dereitos e as liberdades comunitarias para non retroceder neste cambio de ciclo que vivimos. Ler polas rúas ou polos camiños, ler os clásicos e as novidades, nas bibliotecas, nas escolas, nos hospitais e ler tamén ao aire libre. Ler atentamente para curarnos, erguernos e mudar o lugar. Lemos en alto, en baixo, sós ou acompañados, lemos para outros que en ocasións non poden ler. Coidar o modo en que lemos é o motivo destas xornadas que convocan ás persoas interesadas na lectura como unha ferramenta de resistencia. Nestes tempos de conflicto queremos pensar a lectura como experiencia de coidado contra a violencia e a censura, entón escollemos o título “Lecturas de coidado” porque rexeitamos as lecturas que nos separan ou nos enfrontan. Escollermos ler salvaxemente para mover a conciencia da comunidade. Sábado 20 de Xaneiro 10h. Visita ao Patrimonio Invisible do Psiquiátrico de Conxo por cortesía de TRIVIUM. 11h. “Cinguir o linde, perder a testa, crebar o corazón” de Neves Seara // Intervención performática sobre un valo a piques de desaparecer. 12h Inauguración do encontro coas entidades responsables da organización e o financiamento. 12.30 Pausa-Café 13h. Conferencia: “Esta espera feroz” de Belén Gopegui. “Quixésemos pedirlles que sobrevivir non sexa resignación, senón esta espera feroz ata que poidan vivir”, con estas palabras dirixíase en 2019 o colectivo de ficción Un pé no estribo, formado por persoas moi anciás, ás xeracións que lles seguirán. Desde que o escribiron cada vez parece máis urxente atender a aquel verso de César Vallejo: “o momento máis grave da miña vida non chegou aínda” para dicir que hoxe o momento máis grave das nosas vidas si chegou, vivimos nel, e aínda que non sempre se poida elixir o ánimo, quizá xa non nos quede tempo para o tempo da melancolía.   16h Mesa // “Lectura, patrimonio e coidados” con: – Quique Alvarellos. Escritor, xornalista e editor. Director de Alvarellos Editora. – Leo Gonzalez Pérez. Coordinador de proxectos de TRIVIUM. – Ramón Area Carracedo. Psiquiatra. Coordinador do Hospital Psiquiátrico de Conxo. – Liana Vella. Docente experta en Antropoloxía Teatral, Medical Humanities, Arte e Saúde – María Sánchez. veterinaria e escritora. Modera: Branca Novoneyra. A cidade, o barrio e o hospital son territorios literarios. Fundándonos sobre a xeoliteratura da contorna para escoitar sobre a recuperación de narrativas inmateriais que

LER MÁIS »

Xosé María Álvarez Cáccamo nos Eidos de outono

O  vindeiro sábado 28 de outubro terá lugar Fundación Uxío Novoneyra, en Parada do Courel, unha nova edición dos “Eidos de outono” na que o poeta vigués Xosé María Álvarez Cáccamo establecerá un diálogo poético c’Os eidos de Uxío Novoneyra. A xornada comezará ás dez de mañá cun obradoiro de interpretación de soutos e recollida de castañas. A seguir, contra as doce, terá lugar a lectura comentada d’Os eidos da man de Xosé María Álvarez Cáccamo, unha das voces de referencia da poesía galega contemporánea, encadrado na chamada Xeración dos 80. Xa contra o mediodía, a formación musical luguesa Son de Corda presentará o traballo “Na casa deles” no que musican poemas de Lorenzo Varela, Pimentel, Manuel María, Darío Xohán Cabana e Uxío Novoneyra. Pola tarde, inaugurarase ás seis a exposición de debuxos “Lestrigóns”, de Jesús Otero Yglesias ao redor do mesmo capítulo do libro Ulysses, de James Joyce. A xornada literaria rematará ás seis e media cunha lectura colectiva do libro Á lus do candil, de Ánxel Fole, no 120 aniversario do nacemento do narrador e xornalista lugués. A seguir, o pinchadiscos baiés DJ Tristón porálle o ramo musical a esta nova edición dos Eidos de outono, na que a entrada será, como de costume, de balde.

LER MÁIS »

Augusto Paramio, da Oficina de Europa Creativa, participa no Festival dos Eidos

Augusto Paramio, director da Oficina Europa Creativa do Ministerio de Cultura ofreceu hoxe unha conferencia na Fundación Uxío Novoneyra no contexto da programación expandida do Festival dos Eidos. O encontro estivo orientado a representantes das administracións culturais e territoriais do Courel, como o Concello de Folgoso do Courel, a Deputación de Lugo e AGADIC e, no seu transcurso, analizouse o contido de programas de Europa Creativa de impacto positivo, como Ulysses European Odissey e Restorative Practices (AC Casa do Río), que tiveron lugar recentemente na provincia de Lugo. Augusto Paramio informou, así mesmo, sobre os obxectivos de Europa Creativa para o período 2021-2027, unha entidade comprometida coa promoción de proxectos culturais e artísticos desde unha perspectiva transnacional sobre os eixos da mobilidade e a innovación. Nesta ligazón podes acceder á web de Europa Creativa.

LER MÁIS »

Ataque Escampe substitúe Os Resentidos no Festival dos Eidos

Logo de que o grupo Os Resentidos comunicase a cancelación da súa actuación na VIII edición do Festival dos Eidos por motivos de saúde dun dos seus compañeiros, a organización do festival comunica que será a banda compostelá Ataque Escampe a súa substituta no mesmo espazo e horario.  O recital de Antón Reixa no acto de homenaxe a Carlos Oroza polo seu centenario permanece no programa. Por outra banda, a todas as persoas que adquiriron as entradas para o concerto, indicámoslles que a partir de hoxe está activado o medio de devolución do importe das mesmas mediante o seguinte procedemento, que xa foi notificado á defensora do consumidor: Aos clientes que adquiriron as súas entradas con carta de crédito ou débito faráselles efectiva a devolución directamente á carta coa cal se realizou a compra de forma automática. Aos clientes que adquiriron as entradas en efectivo, as devolucións de diñeiro realizaranse nos puntos de venda, previa cita, sendo indispensable presentar as entradas en perfecto estado. Para tal efecto, por favor, enviade un correo electrónico a: info@eidosfest.com coa seguinte información: 1. Nome completo. 2. Número de teléfono. 3. Cantidade de entradas adquiridas. 4. Incluir no asunto do correo a seguinte frase: DEVOLUCIÓN BONO FESTIVAL POR CANCELACIÓN OS RESENTIDOS. 5. O persoal de atención ao cliente, poráse en contacto co cliente nun prazo de 24 horas hábiles para coordinar a cita. Desde a organización do Festival dos Eidos pedimos desculpas a todas as persoas que a antedita muda na programación lles ocasione molestias. Pregamos a súa difusión e quedamos ao voso dispor para calquera cuestión relacionada ou independente. Nesta ligazón podes acceder á programación actualizada do Festival.

LER MÁIS »

Presentación en Lugo do cartel da VIII edición do Festival dos Eidos

A presentación tivo lugar nos xardíns da Deputación de Lugo o 11 de agosto e contou coa participación de Iria Castro, deputada provincial de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística; Marta Barreiro, secretaria da Delegación territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, ademais de Branca Novoneyra, directora da Fundación. Logo da presentación da deputada provincial, Iria Castro e da secretaria da Delegación territorial da Xunta, Marta Barreiro, no nome do programa Territorio Cultura da axencia AGADIC,  que seleccionara a programación expandida do Festival como mellor proposta de toda Galicia, tomou a palabra Branca Novoneyra para detallar o contido dunha programación que terá lugar entre o 25 e o 27 de agosto no lugar de Parada, no Concello de Folgoso de Courel, e que contará cunha intensa programación protagonizada polas poetas Chus Pato, Antón Reixa, Ana Romaní, Eva Veiga e Joâo Barrento.   Na parte musical, os grandes protagonistas serán dous grupos míticos dos 80 galegos: Os Resentidos, que darán un concerto exclusivo esta anualidade, e Radio Océano, a presentar o seu novo disco “Un furioso silencio”. Os poetas Alba Cid e Estevo Creus, canda o músico Xosé Miguélez, levarán a escena o espectáculo de música e poesía A Faia de Ponto. Pola súa parte, o escritor Xavier Queipo e Cé Tomé presentarán a performance musicada Río Lagares. Rhome, Xackal, Jas Processor e Dj Tristón completan a intensa nómina de músicos desta edición. Outras artes terán tamén o seu espazo no VIII festival, como a lectura danzada, «Em torno da árvore, estendia-se o jardim nascente», que será executada por Eva Valle, Nieves Neira Roca, María Grandío, María Corral Fernández e Beatriz Rodríguez Morales; o cine, co coloquio ao redor de Zumiriki a cargo de Oskar Alegría e Xosé Manuel Sande; a fotografía, cunha exposición de Federico García Cabezón; a arqueoloxía sonora, da man da Fundación Legar ou o xa clásico avistamento de paxaros no Courel, do biólogo Xavier Vázquez Pumariño. Pechou a presentación o secretario da Fundación Uxío Novo agradecendo á Deputación de Lugo o seu apoio continuado á entidade ao longo dunha década, e á Xunta de Galicia  pola súa achega ao desenvolvemento dun programa, como o Territorio Cultura, que atrae a atención do país sobre un espazo mítico como o Courel durante tres días cunha programación na que comparten o protagonismo a poesía, a música e a danza e que pretende manter vivo o legado do poeta facendo da súa casa un centro de irradiación de cultura. Nesta ligazón podes acceder ao programa do Festival dos Eidos.  

LER MÁIS »