O comité organizador desta programación internacional reunido onte felicitou á cidade de Lugo e á Fundación Uxío Novoneyra pola calidade do programa conmemorativo da publicación do libro celebrado na cidade amurallada entre o 19 e o 21 de maio baixo o título de “Ulises pasea Lugo”.
A obra magna de James Joyce, publicada en 1922, mudou para sempre a nosa concepción da literatura, os seus límites e capacidades expresivas. A cultura galega foi a primeira das da Península Ibérica en reaccionar ante a súa aparición cunha tradución fragmentaria realizada por Otero Pedrayo e publicada en 1926 na revista Nós, un feito que pon de manifesto a especial atención entre a cultura galega e a irlandesa xa naquela altura baixo o paradigma do celtismo.
Cen anos despois, a celebración do centenario ao seu paso por Lugo co proxecto Europa Creativa a grande escala “Ulysses European Odissey” a finais do pasado mes de maio revisou e actualizou o impacto da obra de Joyce na nosa cultura nunhas xornadas definidas polo seu carácter multidisciplinar e que contaron, ademais, cunha elevada asistencia do público local e de toda Galicia.
Os directores do centenario para toda Europa, os irlandeses Sean Doran e Liam Browne, presentes en toda a programación luguesa, amosaron o seu entusiasmo tanto pola calidade e intensidade do programa de actuacións como pola descuberta feliz dunha cidade que lles resultaba practicamente descoñecida e á que definiron como “o mellor escenario posible para a celebración do capítulo VIII do libro, Lestrygonians, centrado na comida e a gastronomía”.
Neste sentido, cómpre lembrar que a produción, distribución e consumo de alimentos tiveron un especial protagonismo nesta primeira edición do “Ulises en Lugo”, sendo o Mercado Municipal de Lugo o entorno escollido para a inauguración das xornadas cunha peza de arqueoloxía sonora a cargo da Fundación Legar, composta por Martina Ferradás e Xavier Blanco. Álvaro Villasante do restaurante Paprica, ofreceu unha actualización á galega do petisco de pan con queixo gorgonzola e viño de Borgoña que Harold Bloom degusta no libro. No simposio “Lestrigóns: a nosa relación diaria coa produción de alimentos”, a concelleira de Mercados Cristina López defendeu a vixencia deste modelo como garantía de sostibilidade e de acceso a produtos de proximidade dunha alta calidade. Alberto González Villar, xerente da Praza de Abastos de Ourense, Adrián Lago, de Queixos Castelo e Pablo Lodeiros, de adegas Lodeiros, e Álvaro Villasante participaron tamén nestas mesas sobre a produción e consumo de alimentos con identidade propia.
Na parte escénica, a Asociación 3Monos realizou unha interpretación danzada do capítulo VIII do Ulysses que foi especialmente valorada polos representantes da UEO alí presentes. A Orquestra Filarmónica de Lugo, dirixida por Iván Martínez Sabio, executou un repertorio ad-hoc que contou cunha grande asistencia de público.
No que atinxe ao plano literario, Xavier Queipo e Antón Vialle expuxeron a súa experiencia como tradutores do Ulysses ao galego nunha conferencia dirixida por Francisco Castro, director de Galaxia, na que tamén tomou a palabra o escritor galego Isaac Xubín. Cid Cabido, Keith Payne, María Linheira, Lois Diéguez e Felipe Senén analizaron na xornada do sábado, moderada por Alberto Lema, a relación da cultura galega co libro de Joyce e coa cultura irlandesa en xeral.
Os recitais poéticos, a maioría deles recuperando a fórmula en desuso do brinde como palaba pública, correron da man de Antón Reixa, Yolanda Castaño, Lois Pérez, Sara Plaza, Genaro da Silva, Luis Valle e Isaac Xubín e foron apoiados de xeito entusiasta por Bodegas Martín Codax, Cervexas Alhambra e Bodegas Lodeiros, sucedéndose nos espazos referenciais de Lugo, como as inmediacións da Praza do Campo, a Rúa Nova, a Tinería e a Porta de San Pedro e nutrindo de público os establecementos hostaleiros próximos.
No Museo Provincial de Lugo inaugurouse, así mesmo, unha exposición pictórica a cargo do pintor local Jesús Otero, cunha persoal plasmación da leitura do capítulo “Lestrigóns”.