Categorías
Novas

O Festival dos Eidos volverá os días 27, 28 e 29 de agosto de 2021 a Parada do Courel

  • A Fundación Uxío Novoneyra recupera o evento que en 2020 non se puido celebrar pola situación da COVID-19.
  • O festival e poesía e artes expandidas da montaña luguesa celebra este ano a súa 2021 VI edición.

A Fundación Uxío Novoneyra retoma o Festival dos Eidos e celebrará a súa VI edición  os vindeiros  27, 28 e 29 de agosto deste ano. Logo do adiamento obrigado do eventos en 2020 polo contexto derivado da  COVID-19, a Fundación anuncia que recuperará o festival e volverá encher de actividade á vila de Parada.  A casa natal do poeta e os soutos de castaños que a rodean volverán convertese no escenario desta cita coa poesía, a literatura e as artes no corazón da serra do Courel.

De acordo cos protocolos de seguridade e prevención contra a COVID-19, a organizacion dos Eidos adaptará as actividades e aforos ao novo contexto e construirá un espazo seguro para gozar da cultura.

Á falta de coñecer o cartel de artistas convidados, esta edición volverá apostar pola poesía como eixo central. Como noutras edicións, convivirán diferentes expresións artísticas ligadas á literatura: recitais, concertos, artes escénicas e do corpo, roteiros, visitas guiadas, obradoiros, actividades infantís e exposicións nos diferentes espazos da casa-museo de Novoneyra. 

O Festival dos Eidos forma parte da rede europea de festivais literarios en zonas isoladas LITFEST; con socios na Italia, Francia, Irlanda ou Portugal cos que a Fundación Uxio Novoneyra comparte a paixón polas letras e o seu valor como ferramenta de aprendizaxe permanente. En 2019 foi galardoado co Premio do Público na Culturgal (Feira das Industrias Culturais de Galicia) e, en 2020, a pesar da súa cancelación, foi elixido como Mellor Festival Non Musical nos Iberian Festival Awards. Esta VI edición encádarse dentro do proxecto BE(p)ART – GROW WITH ARTS, unha iniciativa financiada con cargo ao programa Europa Creativa da Comisión Europea. O obxectivo de BE(p)ART é achegar a creación literaria á poboación máis nova e crear novos públicos desde unha metodoloxía participativa e de traballo en rede.

Para saber máis: https://bepartnow.eu/

Categorías
Novas

A Fundación Uxío Novoneyra recibe un arquivo sonoro con 8 poemas recitados polo poeta do Courel

  • A doazón foi realizada polos irmáns Rafael, Hilario e Jose González no marco da Semana Europea dos Xeoparques
  • A cinta contén, entre outros, os poemas “Vietnam Canto” e “Letanía de Galicia” recitados por Novoneyra nun evento privado

A Casa-Museo de Uxío Novoneyra acolleu o pasado sábado 5 de xuño o acto de entrega dunha cinta con oito poemas recitados por Novoneyra no verán de 1970. As gravacións, que foron realizadas polos irmáns Rafael, Hilario e Jose González nun recital privado, constituíron un ben prezado da familia durante 50 anos e acollen poemas como “Vietnam Canto” ou “Letanía de Galicia”. A presidenta da Fundación e viúva do poeta, Elba Rey, e a súa filla, Branca Novoneyra, recibiron a cinta da man de Rafael González, que interveu no nome dos seus irmáns.

Elba Rey Martínez consulta documentación sobre o poeta

Con esta nova incorporación, a Fundación Uxío Novoneyra amplía o seu fondo documental diverso e constituído polo arquivo da familia Novo e Neira e o do propio poeta. Nestes fondos poden atoparse documentos únicos do poeta do Courel, así como de María Mariño e Carlos Oroza ou múltiples coleccións fotográficas.

A doazón deste patrimonio sonoro estivo encadrada no peche da Semana Europea dos Xeoparques, onde o Xeoparque do Courel (Courel Mountains UNESCO Global Geopark) quixo establecer fíos entre o patrimonio natural e xeolóxico e mais o patrimonio inmaterial e cultural. A Semana Europea acolleu unha intensa programación de roteiros, conferencias e eventos de tipo cultural que pechou na fin de semana do 5 de xuño.

Categorías
Novas

A Fundación Uxío Novoneyra é finalista á Copa España Creativa

A rede España Creativa e o Concello de Orihuela, en colaboración co Instituto Cervantes, sinalaron como finalistas na Copa España Creativa á Fundación Uxío Novoneyra e a Deputación de Lugo. Os dous organismos sitúanse así entre as 20 iniciativas máis innovadoras e creativas do Estado para favorecer un desenvolvemento sostible e solidario.

A Fundación Novoneyra foi seleccionada como terceira finalista na modalidade de empresas, universidades, organizacións non lucrativas ou individuos por ITH, unha plataforma de financiamento de proxectos culturais con sete anos de traxectoria. A iniciativa, que se desenvolve a través do sitio web www.ithcrowdfunding.org, aposta polo financiamento diversificado da cultura por medio do micromecenado. Ademais, a intención da Fundación é a de acompañar o sector cultural para identificar oportunidades de internacionalización, financiamento ou mobilidade en residencias culturais e artísticas. A formación dos axentes culturais nestes ámbitos é un piar fundamental do proxecto.

A Deputación de Lugo, pola súa parte, foi escollida polo seu proxecto de posta en valor dos soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, desenvolvido en colaboración coa cooperativa A Carqueixa.

España Creativa é unha rede creada en 2016 en Monforte de Lemos. A Copa homónima é un recoñecemento ao proxecto urbano ou territorial máis creativo de España en 2019, que se dá en 2021 pola imposibilidade, por mor do impacto da COVID-19, de realizar unha gala en 2020. O Fórum Orihuela 2020 é o marco desta convocatoria pública que procura avanzar nos obxectivos de desenvolvemento sostible trazados na Axenda 2030 da Organización das Nacións Unidas.


Categorías
Novas

A Fundación Uxío Novoneyra falla o I Concurso de Fotografía dos Eidos – Federico García Cabezón

«E INDA é nova a Terra!», «SERRA aberta / inmensa antiga erencia!» e «VAISE vaise / o camiño
d´aire do aire polo aire / camiñando por un sitio aonde nunca foi naide…» son os versos que inspiraron os participantes do I Concurso de Fotografía dos Eidos que leva o nome de Federico García Cabezón, médico rural e fotógrafo amador, que durante décadas fotografou as montañas e a vida dos últimos labregos do Courel.

O xurado, formado polo propio Federico G. Cabezón, Branca Novoneyra e Miguel Anxo Lar, vén de fallar as fotografías gañadoras entre as seleccionadas polos seguidores das redes da Fundación Uxío Novoneyra, que emitiron 5942 votos sobre as 24 obras participantes nunha queda previa entre o 20 e o 29 de novembro.

TRES PREMIOS E UN ESPECIAL PARA COURELAOS

Daniel Irimia, Ángel González, Jacobo Martins son respectivamente os gañadores do primeiro, o segundo e o terceiro premio, mentres o premio especial para residentes foi para o veciño Arturo Sánchez.

A Fundación Uxío Novoneyra agradece a todos os participantes e parabeniza os catro gañadores por activar a interpretación visual da Serra do Courel orientando a mirada sobre as xentes, os lugares e as edificacións en diálogo mantido cos versos do poeta e, co fallo dos premios, anuncia a celebración dunha entrega de premios e dunha mostra presencial coas fotos gañadoras acompañadas dunha selección especial das obras que participaron no concurso.

Categorías
Novas

Inaugúrase a exposición «Uxío Novoneyra, Poeta da Terra»

A exposición aloxada nas cortes da casa natal, sede da fundación que leva o seu nome, desprega unha ampla cronobiografía do poeta do Courel e unha escolma de poemas relacionados coa montaña, a flora e a fauna da serra oriental, os traballos e as festas da comunidade, a casa e a familia do autor e pecha con poemas emblemáticos coñecidos por milleiros de galegos como poema dun só verso «Chove para que eu soñe…».

A nivel visual presenta numeroso material do Arquivo da Fundación de diferentes épocas da vida do autor, cun apartado especial dedicado a fotos coloreadas e recuperadas para actualizar a referencia visual sobre a figura do escritor, tarefa que as redes da Fundación Uxío Novoneyra destacan de forma continuada.

«Uxío Novoneyra, Poeta da Terra» é un proxecto financiado pola Secretaría Xeral de Política Linguística a través do Fondo Xacobeo 21 de proxectos culturais co gallo da celebración do 90 aniversario do nacemento do poeta do Courel.

VISITAS GUIADAS EN HORARIO DE INVERNO

A exposición poderá visitarse, durante o inverno, os venres de 16:00 a 19:00 e os sábados e domingos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00. Para asistir é preciso contactar previamente co correo electrónico info@uxionovoneyra.com.

Uxío Novoneyra en Madrid nos anos sesenta. Arquivo Novoneyra. Coloreada por Tina Paterson
Uxío Novoneyra en Madrid nos anos sesenta. Arquivo Novoneyra. Coloreada por Tina Paterson
Uxío Novoneyra e Ramón Piñeiro paseando pola Praza do Toural de Compostela, 1952. Arquivo Novoneyra. Coloreada por Tina Paterson
Uxío Novoneyra e Ramón Piñeiro paseando pola Praza do Toural de Compostela, 1952. Arquivo Novoneyra. Coloreada por Tina Paterson