Novas

As ‘Capacidades Salvaxes’ serán protagonistas do primeiro monográfico das Lecturas Habitadas. Sesións de Biblioterapia para Mulleres

O día vinte de xullo, durante a primeira sesión do ciclo Lecturas Habitadas. Sesións de biblioterapia para mulleres do Courel, leremos poemas e extratos das seguintes obras: Bibliotecarias a caballo de Concha Pasamar (A Fin de Cuentos, 2022) Sonora de Chus Pato (Xerais, 2023) Arawak de Paloma Kuns (Tango Girafe, 2024) Ultramarinos de Mariette Navarro (Irradiador, 2022) As Jermaine de María Alonso Seisdedos (Galaxia, 2024) El mundo en el que vivo de Hellen Keller (Atalanta, 2012) Obxectivos da sesión: Espertar a capacidade creadora e o empoderamento. Procuraremos repensar e incrementar as nosas capacidades a través da lectura en grupo de obras de diversos xéneros escritas por mulleres. Comentaremos lecturas conectadas coas nosas capacidades dun xeito consciente a través da lectura colectiva. Desenvolvemento da sesión: Celebraremos esta sesión en distintos espazos de Parada do Courel, aldea na que se atopa a Fundación Uxío Novoneyra; pola maná presentarémonos e leremos xuntas no Souto da Rubial, xantaremos na horta da Casa-Museo, e pola tarde continuaremos coas lecturas no curral e afondaremos no debate cos textos escollidos. Inscrición: Ofertamos 12 prazas que outorgaremos por orde de recepción das solicitudes no correo branca@uxionovoneyra.com Precisamos que compartas os seguintes datos no corpo do correo: nome e apelidos, Documento de identidade, enderezo e teléfono de contacto. As prazas serán outorgadas por orde da recepción das solicitudes e comunicadas por correo electrónico. Podes asistir ao ciclo completo ou escoller esta sesión monográfica. Precisamos que concretes a túa intención de asistir ao ciclo completo ou que indiques o título da sesión monográfica á que desexas asistir. Nota: se algunha participante ten algún tipo de alerxia ou de tipo de dieta específica, por favor comentalo no momento da inscrición para que podamos telo en conta para o xantar.  

LER MÁIS »

Aberto o prazo de inscrición para o ciclo ‘Lecturas habitadas: Sesións de biblioterapia para mulleres’

A terceira edición terá lugar entre o 19 e o 21 de xullo na Fundación Uxío Novoneyra no Courel co obxectivo espertar a capacidade creadora e o empoderamento feminino a través da lectura. Durante tres xornadas consecutivas leremos e conversaremos xuntas arredor dos seguintes temas: 19 de xullo: “Unha introdución á biblioterapia” guían Branca Novoneyra e Lucía Miranda Morla. 20 de xullo: “Capacidades salvaxes” guía Branca Novoneyra. 21 de xullo: “Vidas fascinantes” guía Lucía Miranda Morla. Quen pode participar? Mulleres de todas as idades interesadas na lectura. Que leremos? Leremos novidades e non repetiremos antigas lecturas. Abriremos o encontro cunha sesión dedicada a coñecer as orixes e o desenvolvemento da biblioterapia. Faremos unha breve presentación da disciplina e leremos fragmentos de textos escollidos para descubrir a súa aplicación actual. Durante a sesión monográfica dedicada ás “Capacidades salvaxes” leremos fragmentos de obras de autoras como Hellen Keller, Chus Pato, Mariette Navarro, Concha Pasamar e Paloma Kuns. A sesión de peche dedicarémola a lecturas sobre memoria e feminidade, descubriremos algunha autora relevante aínda que esquecida e recuperaremos outras escritoras máis coñecidas, nunha sesión titulada “Vidas fascinantes” con textos de Camille Laurens, Mercedes de Acosta, Julia Kerninon, e Annie Ernaux entre outras. O obxectivo das Lecturas Habitadas é abrir un espazo de lectura creativa e pensamento crítico arredor da literatura escrita por mulleres. Cando? Días e horarios: 19, 20 e 21 de Xullo. O venres 19, entre 17.30h a 20.00h, e o sábado 20 e domingo 21, entre 12h. á 17h. Xantaremos ao aire libre na horta da Fundación Uxío Novoneyra (14.30h – 15.30h).  Onde? Na sede e arredores da Fundación Uxío Novoneyra, na aldea de Parada, no Courel. Como podo participar? É unha actividade de balde. Abrimos o prazo de inscrición o martes 18 de xuño e pechámolo o mércores 17 de xullo. Ofertamos 12 prazas que outorgaremos por orde de recepción das solicitudes no correo branca@uxionovoneyra.com Precisamos que compartas os seguintes datos no corpo do correo: nome e apelidos, Documento de identidade, enderezo e teléfono de contacto. As prazas serán outorgadas por orde da recepción das solicitudes e comunicadas por correo electrónico. Podes asistir ao ciclo completo ou escoller algunha sesión monográfica. Precisamos que concretes a túa intención de asistir ao ciclo completo ou que indiques o título da/s sesión/s monográfica/s á/ás que desexas asistir. As Lecturas habitadas: Sesións de biblioterapia para mulleres son un ciclo de actividades lectoras iniciadas no marco do proxecto Bookpower Erasmus+ (2021-2022).  Esta terceira edición celebrámola dentro das actividades vencelladas ao proxecto Erasmus+ KA2 Spiral Project que ten coma obxectivos fundamentais producir currículos na área das artes inclusivas e promover a creación de estruturas de formación artística inclusiva en Europa. Atoparás máis información sobre o proxecto na web www.spiralproject.eu.

LER MÁIS »

Segunda edición de ‘Ulises pasea por Lugo’

Os días 16, 17 e 18 de maio a Fundación Uxío Novoneyra celebrará en Lugo, co patrocinio do Concello de Lugo e do programa Ulysses European Odissey, a segunda edición de “Ulises pasea por Lugo” centrado na literatura gastronómica e en Ánxel Fole. Cadrando co centenario da obra central do Modernismo literario Ulysses, de James Joyce, o programa financiado pola Unión Europea “Ulysses European Odissey” puxo en marcha unha iniciativa itinerante por 18 cidades europeas nas que se interpreta cadanseu episodio do libro. A cidade de Lugo celebrou o ano pasado a primeira edición deste programa so a lenda “Ulises pasea por Lugo” no que se levou a escena, desde un punto de vista multidisciplinar, o Capítulo VIII, Lestrigóns, baseado na comida, e que mereceu un rotundo recoñecemento por parte das persoas que asistentes. Na edición deste ano, a comida volverá ser a protagonista dun festival que arrincará a mañá do 16 no Mercado de Abastos de Lugo, coa reconstrución sonora deste espazo hai un século a cargo da Fundación Legar, de Xavier Blanco e Martina Ferradáns. Seguidamente, o poeta Antom Fortes, do colectivo de Lupercais dará un brinde poético antes de dar paso ao primeiro faladoiro que terá lugar ás 17h no Vello Cárcere. Alí, a escritora María Sánchez, o gastrónomo Jorge Guitián e os produtores comprometidos co territorio, Adrián Lago (Queixos do Castelo) e Román Sánchez (Cooperativa A Carqueixa) analizarán os puntos de encontro entre literatura, gastronomía, arte e identidade. Nese mesmo espazo, ás 18h, terá lugar o segundo faladoiro “Homenaxe Ánxel Fole: De Yunque a Historias que ninguén Cree” no que os escritores Constantino Bértolo, Branca Novoneyra e Claudio Rodríguez Fer analizarán, canda o editor Juan Soto, a figura literaria e xornalística de Ánxel Fole. O poeta lugués Lois Pérez será o encargado de pórlle o ramo a esta xornada cun brinde poético. A xornada do venres 17 terá lugar unicamente en sesión de tarde, e dará comezo ás 17:30 no Vello Cárcere, co faladoiro “Galicia e Irlanda: Do celtismo á recepción do Ulises na li na literatura actual” no que os escritores Marilar Aleixandre e Felipe Senén debullarán, canda o dramaturgo Eusebio Lázaro, a influencia do Ulises na literatura actual. O poeta Xerardo Quintiá, de Lupercais, será o encargado do brinde poético ao remate do debate. A banda Radio Océano poralle o albaroque a esta xornada coa celebración dun concerto no Mercado de Abastos a partir das dez da noite. A xornada do sábado 18 comezará ás 11h no Pazo de Orbán desde onde a guía local Lidia de la Fuente (Camiños con Arte) fará unha ruta polo Lugo de Fole. Unha hora máis tarde, ás 12h, terá lugar unha lectura foleana onda a estatua do autor de Á lus do candil situada na traseira do Concello. Ás 13h, o Clube de Lectura Lugo fará unha lectura do Capítulo VIII do Ulises, Lestrigóns, no Portón do Recanto e, ao seu remate, a escritora luguesa Marica Campo recitará o seu brinde poético. A segunda edición do “Ulises pasea por Lugo” rematará ás 20:30 no Auditorio Municipal Gustavo Freire coa peza de danza “Afectos” a cargo de Kirenia

LER MÁIS »

Uxío Novoneyra réndelle homenaxe ao Zeca

O 10 de abril de 1972 tiña lugar, nun dos pavillóns da residencia de estudantes do Burgo das Nacións en Compostela, o primeiro concerto do Zeca Afonso en Galiza no contexto dun país conmocionado polo asasinato dos obreiros Amador Rey e Daniel Niebla en Ferrol un mes antes. Vinte cinco anos máis tarde, o 8 de maio de 1997, rendíalle homenaxe a Zeca Afonso case no mesmo lugar, no Auditorio de Galicia, o poeta Uxío Novoneyra. Como é sabido, o himno alentejano Grândola Vila Morena, interpretado polo Zeca Afonso e emitido pola Radio Renaixença o 25 de abril de 1974, foi o contrasinal acordado polo Movimento das Forzas Armadas para comezar a Revolución dos Cravos que había pórlle fin á longa ditadura salazarista en Portugal. Dous anos máis antes, o cantautor Benedicto acompañou á guitarra ao Zeca Afonso en Santiago de Compostela, nun ateigado comedor dos pavillóns do Burgo das Nacións, nunha actuación célebre que foi incorporada á memoria sentimental de varias xeracións. Vinte cinco anos máis tarde, en 1997, Uxío Novoneyra, nunha das súas últimas aparicións en público, recitaba no Auditorio de Galicia en homenaxe ao Zeca Afonso  o seguinte poema: PORTA xorda cravada que o pulo sabe! Dente puño teso a premer valeiro! Cando volva o vento serás ti Libertá ou somente abalar de árbores? Rota a corda que tempera a forza do sino un pobo enteiro rébrese no tempo Folga Xeral contra da Historia. Compría agouxarse en calquer ichó mais seguín fora á xistra velando norde estrela longa brillo atuido. Alguén chama. Alguén agarda. Corazón tente sostén a gran nembranza. 1966

LER MÁIS »

Novo horario de apertura da Fundación Uxío Novoneyra

Durante o mes de marzo, a Fundación Uxío Novoneyra abrirá os sábados de 11 a 13 horas pola mañá, e de 16 a 18 horas pola tarde. As persoas visitantes poderán coñecer, na casa do poeta en Parada, o legado persoal e artístico de  Uxío Novoneyra, as estancias e os obxectos que formaron parte da súa vida diaria, a paisaxe de montaña do Courel que trasladou aos versos n’Os eidos.

LER MÁIS »

Un cento de persoas participaron nas primeiras ‘Lecturas de coidado’ celebradas en Santiago de Compostela

A lectura como ferramenta de transformación social coas comunidades protagonizou a primeira edición do encontro celebrado o sábado 20 e o domingo 21 dexaneiro no Hospital Psiquiátrico de Conxo Unha Visita ao Patrimonio Invisible do Hospital Psiquiátrico de Conxo guiada por Leo González (Trivium) e a performance “Cinguir o linde, romper a testa, crebar o corazón” da artista Neves Seara abriron un programa centrado na importancia da lectura como práctica de intervención coas comunidades que reuniu máis dun cento de persoas durante dúas xornadas organizadas pola Fundación Uxío Novoneyra no Psiquiátrico de Conxo. No acto inaugural presidiu a mesa a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, acompañada por Alfonso Varela, Director Médico da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Natividad González, Deputada de Cultura da Deputación de Coruña, e a Directora da FUN, Branca novoneyra. A conferencia inaugural estivo a cargo de Belén Gopegui que, baixo o título “Esta Espera Feroz” achegou as teses do seu último libro El Murmullo, unha proposta crítica para ler a literatura de autoaxuda como xénero de ficción. Durante a tarde celebrouse a primeira mesa de debate sobre “A Literatura, o Patrimonio e os Coidados” coa intervención do editor Quique Alvarellos sobre a identidade distintiva do barrio de Conxo como territorio literario; unha comunicación sobre as narrativas da psicose a cargo do psiquiatra e coordinador do Hospital Psiquiátrico de Conxo, Ramón Area; unha introdución as medical humanities e a medicina narrativa da pedagoga Liana Vella, e unha intervención literaria sobre o proxecto Almáciga, glosario de palabras desaparecidas do mundo agrario que escritora María Sánchez recolleu en todas as linguas do estado. A xornada do domingo abriu cunha mesa de debate na que se presentou un repertorio de experiencias lectoras, entre elas, clubes de lectura, actividades de biblioterapia e catálogos de lecturas saudables, que foron de interese para o público asistente con numerosos docentes e bibliotecarios de bibliotecas escolares e hospitalarias, terapeutas ocupacionais e diversas persoas interesadas na lectura como práctica de fomento da capacidade creadora, capacitadora e empoderadora. O programa pechou cun recital titulado “Poesía de Coidado” na escalinata de mármore coas intervencións dos poetas Antón Lopo, María Sánchez e Jaume Coll que foron presentados por Nieves Neira que recitaron poemas estreitamente relacionados coa temática do encontro. Entre o público asistiron escritores/as como Xelís de Toro, Arancha Nogueira, Marga do Val, os editores de Irmá Cartoné e Paco Macías (Edicións Positivas) e docentes como Alicia López Pardo,Comba Campoi e Loli Fojón. As Lecturas de Coidado celebráronse con apoio da convocatoria de Fomento da Lectura e as Letras Españolas, unha liña de subvencións do Ministerio de Cultura que apoiou esta única acción monográfica dentro do Plan de Fomento da Lectura 2021-2024 en Galicia durante este último ano. Despois da ampla e positiva acollida de público, o novo proxecto lector para as comunidades reforza a súa vocación anual.

LER MÁIS »