A terceira edición terá lugar entre o 19 e o 21 de xullo na Fundación Uxío Novoneyra no Courel co obxectivo espertar a capacidade creadora e o empoderamento feminino a través da lectura.
Durante tres xornadas consecutivas leremos e conversaremos xuntas arredor dos seguintes temas:
- 19 de xullo: “Unha introdución á biblioterapia” guían Branca Novoneyra e Lucía Miranda Morla.
- 20 de xullo: “Capacidades salvaxes” guía Branca Novoneyra.
- 21 de xullo: “Vidas fascinantes” guía Lucía Miranda Morla.
Quen pode participar?
- Mulleres de todas as idades interesadas na lectura.
Que leremos?
- Leremos novidades e non repetiremos antigas lecturas. Abriremos o encontro cunha sesión dedicada a coñecer as orixes e o desenvolvemento da biblioterapia. Faremos unha breve presentación da disciplina e leremos fragmentos de textos escollidos para descubrir a súa aplicación actual.
- Durante a sesión monográfica dedicada ás “Capacidades salvaxes” leremos fragmentos de obras de autoras como Hellen Keller, Chus Pato, Mariette Navarro, Concha Pasamar e Paloma Kuns.
- A sesión de peche dedicarémola a lecturas sobre memoria e feminidade, descubriremos algunha autora relevante aínda que esquecida e recuperaremos outras escritoras máis coñecidas, nunha sesión titulada “Vidas fascinantes” con textos de Camille Laurens, Mercedes de Acosta, Julia Kerninon, e Annie Ernaux entre outras.
- O obxectivo das Lecturas Habitadas é abrir un espazo de lectura creativa e pensamento crítico arredor da literatura escrita por mulleres.
Cando?
- Días e horarios: 19, 20 e 21 de Xullo.
- O venres 19, entre 17.30h a 20.00h, e o sábado 20 e domingo 21, entre 12h. á 17h.
- Xantaremos ao aire libre na horta da Fundación Uxío Novoneyra (14.30h – 15.30h).
Onde?
- Na sede e arredores da Fundación Uxío Novoneyra, na aldea de Parada, no Courel.
Como podo participar?
- É unha actividade de balde.
- Abrimos o prazo de inscrición o martes 18 de xuño e pechámolo o mércores 17 de xullo. Ofertamos 12 prazas que outorgaremos por orde de recepción das solicitudes no correo branca@uxionovoneyra.com
- Precisamos que compartas os seguintes datos no corpo do correo: nome e apelidos, Documento de identidade, enderezo e teléfono de contacto. As prazas serán outorgadas por orde da recepción das solicitudes e comunicadas por correo electrónico.
- Podes asistir ao ciclo completo ou escoller algunha sesión monográfica. Precisamos que concretes a túa intención de asistir ao ciclo completo ou que indiques o título da/s sesión/s monográfica/s á/ás que desexas asistir.
As Lecturas habitadas: Sesións de biblioterapia para mulleres son un ciclo de actividades lectoras iniciadas no marco do proxecto Bookpower Erasmus+ (2021-2022).
Esta terceira edición celebrámola dentro das actividades vencelladas ao proxecto Erasmus+ KA2 Spiral Project que ten coma obxectivos fundamentais producir currículos na área das artes inclusivas e promover a creación de estruturas de formación artística inclusiva en Europa. Atoparás máis información sobre o proxecto na web www.spiralproject.eu.