A FUNDACIÓN UXÍO NOVONEYRA ABRE A II CONVOCATORIA DAS RESIDENCIAS POÉTICAS “ÁMETO MÍTICO” NO CAMIÑO DE SANTIAGO

Busca poetas interesados en facer o Camiño de Santiago e escribir sobre a peregrinación Xacobea

A Fundación Uxío Novoneyra abre a II convocatoria de residencias poéticas itinerantes no Camiño de Santiago, proxecto que forma parte da programación «O teu Xacobeo» impulsada pola Xunta de Galicia.

O proxecto de residencia «Ameto Mítico» da Fundación Uxío Novoneyra ten como obxectivo actualizar o legado da poesía trovadoresca galego-portuguesa caracterizada polo influxo da lírica provenzal e doutras influencias que coma a poesía sufí chegaron a terras de Galicia polos Camiños de peregrinación xacobea.

Hoxe queremos reactivar este legado patrimonial e acompañar a poetas interesadas/os na experiencia da peregrinación co obxectivo de divulgar o Camiño de Santiago como espazo mítico sobre o que continuar a escribir poesía.

Seguindo as rutas do libro «Arrodeos de Desvíos do Camiño de Santiago» do poeta Uxío Novoneyra, recoñecido actualizador da poesía trovadoresca, propoñemos cinco (5) residencias de escrita e peregrinación poética pola ruta xacobea en territorio galego.

As residencias itinerantes desenvolverase entre o 12 e o 25/04/2021 co seguinte calendario de actividades:

  • 12/04/2021: Chegada das/os poetas ao aeroporto de Lavacolla/estación de tren de Santiago de Compostela e traslado ao lugar do Cebreiro.
  • 13/04 – 19/04/2021: Peregrinación polo Camiño Francés entre o Cebreiro e Santiago de Compostela.
  • 20/04/2021-25/04/2021: Lecturas e obradoiros de poesía en 6 centros de ensino de municipios do Camiño Francés e na Fundación Uxío Novoneyra.
  • 26/04/2021: Retorno desde Santiago de Compostela.

A FUN farase cargo dos gastos da hospitalidade: transporte, aloxamento e manutención das/os poetas durante o período das residencias.

As/os poetas interesadas/os en participar deberán enviar ata o 30/10/2020:

  • Currículo actualizado.
  • Correo electrónico.
  • Fotocopia do documento de identidade/pasaporte.
  • Unha mostra mínima da súa poesía publicada (100 versos) e carta de interese ao correo electrónico ametomitico@uxionovoneyra.com

Unha comisión formada por 3 patronas/os e/ou colaboradores/as da Fundación Uxío Novoneyra fallará en setembro os nomes das/os elexidas/os, información que publicaremos polas redes sociais da FUN e comunicaremos vía correo electrónico aos 5 poetas elexidas/os para formar parte das II residencias «Ámeto Mítico» no Camiño de Santiago.

Máis información 

Fundación Uxío Novoneyra

  • +34 671445247
  • ametomitico@uxionovoneyra.com
  • @AmetoMitico #OTeuXacobeo #Xacobeo2021
Todos os dereitos reservados