Logo de varios aprazamentos aos que nos vimos obrigados pola situación derivada da COVID-19 por fin actualizamos as datas e abrimos o prazo de presentación de convocatorias.
O noso proxecto de residencias «Ameto Mítico» ten como obxectivo actualizar o legado da poesía trobadoresca galego-portuguesa caracterizada polo influxo da lírica provenzal e doutras influencias que coma a poesía sufí chegaron a terras de Galicia polos camiños de peregrinación xacobea.
Queremos reactivar este legado e acompañar a poetas interesadas/os na experiencia da peregrinación co obxectivo de divulgar o Camiño de Santiago como espazo mítico sobre o que continuar a escribir poesía.
Tomando como inspiración as rutas descritas no libro Arrodeos de Desvíos do Camiño de Santiago, último poemario de Uxío Novoneyra —quen foi tamén recoñecido actualizador da poesía trobadoresca— propoñemos oito (8) residencias de escrita e peregrinación poética pola ruta xacobea en territorio galego.
Esta segunda convocatoria enmárcase no programa «O teu Xacobeo» da Xunta de Galicia e forma parte tamén do proxecto Europa Creativa «BE(P)ART Grow With Arts» buscando achegar a creación literaria ás xeracións máis novas a través dunha metodoloxía participativa e de traballo en redes.
Cando?
As residencias desenvolveránse do 16 ao 30 de setembro de 2021 co seguinte calendario:
- 16/09/2021 – Chegada das/os poetas ao aeroporto de Lavacolla/estación de tren de Santiago de Compostela e traslado ao lugar do Cebreiro.
- 17/09/2021 – 21/09/2021: Peregrinación polo Camiño Francés entre o Cebreiro e Santiago de Compostela.
- 22/09/2021 – 29/09/2021: Lecturas e obradoiros de poesía en 6 centros de ensino de municipios do Camiño Francés e na Fundación Uxío Novoneyra.
- 30/09/2021: Retorno desde Santiago de Compostela.
A Fundación farase cargo dos gastos da hospitalidade: transporte, aloxamento e manutención das/os poetas durante o período das residencias.
Como participar
As/os poetas interesadas/os en participar deberán enviar ao correo electrónico ametomitico@uxionovoneyra.com antes do 15 de xullo:
- Carta de interese.
- Currículo actualizado.
- Datos de contacto
- Fotocopia do documento de identidade/pasaporte.
- Unha mostra mínima da súa poesía publicada (100 versos).
Unha comisión formada por 3 patronas/os e/ou colaboradores/as da Fundación Uxío Novoneyra fallará no mes de xullo os nomes das/os elexidas/os.
A lista de poetas seleccionados publicarase nas redes sociais da Fundación e nesta páxina web. A Fundación poráse en contacto cos/as elixidos para comunicarlle a súa participación nas II residencias «Ámeto Mítico» no Camiño de Santiago.