A MIÑA CESTA

Publicados os nomes das artistas participantes nas II Residencias Literarias «Ámeto Mítico»

Arancha Nogueira, Luís López Alonso, Laura Casielles, Clara Burghelea, Adam Wyeth e Agnes Marton son as persoas escollidas nesta edición que se desenvolverá do 16 ao 30 de setembro de 2021.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on linkedin
Share on telegram

Dende a Fundación Uxío Novoneyra vimos de resolver a segunda edición de residencias «Ámeto Mítico» no Camiño de Santiago para este mes de setembro de 2021, un proxecto integrado dentro da programación «O Teu Xacobeo» da Xunta de Galicia.

Arancha Nogueira, Luís López Alonso, Laura Casielles, Clara Burghelea, Adam Wyeth e Agnes Marton son as/os poetas elixidas/os para participar nas residencias itinerantes internacionais que se celebrarán entre o 16 e o 30 de setembro.

Durante 15 días as participantes peregrinarán entre O Cebreiro e Santiago de Compostela dedicadas a desenvolver composicións de temática xacobea que máis tarde compartirán con alumnos de seis centros educativos. Ao remate da residencia, a FUN compilará nunha edición propia os textos creados.

A experiencia ten como obxectivo dialogar coas tradicións literarias que, como a lírica provenzal e a mística sufí, chegaron ás nosas terras polo Camiño. Recuperar o ámeto mítico que imaxinou Novoneyra na súa obra do mesmo título é a finalidade destas residencias internacionais de escrita que desexan reactivar a temática xacobea para a poesía actual e convidar ao recoñecemento entre as/os mozas/os do Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

Felicitacións para as seleccionadas e seleccionados.


As residencias itinerantes «Ámeto Mítico» forman parte da programación cultural da Xunta de Galicia “O Teu Xacobeo”. Esta segunda edición está encadrada no proxecto BE(p)ART – GROW WITH ARTS, unha iniciativa financiada con cargo ao programa Europa Creativa da Comisión Europea. O obxectivo de BE(p)ART é achegar a creación literaria á poboación máis nova e crear novos públicos desde unha metodoloxía participativa e de traballo en rede.