A MIÑA CESTA

Recital no Ámeto Mítico o 26 de setembro.Poesía itinerante no Camiño

O curral da Casa da Fonte acollerá o sábado 26 de setembro ás 17.30 h o recital de poesía «Ámeto Mítico», que reúne ás poetas participantes nas II Residencias literarias itinerantes no Camiño de Santiago.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on linkedin
Share on telegram

O curral da Casa da Fonte, sede da Fundación Novoneyra en Parada do Courel, acollerá este domingo día 26 ás 17.30 horas o recital de poesía «Ámeto Mítico». Nel contaremos coas poetas que este ano forman parte das residencias literarias itinerantes no Camiño de Santiago: Laura Casielles, Agnes Marton, Luís López Alonso, Pilar Astray, Adam Wyeth e Arancha Nogueira. 

Despois de facer o Camiño de Santiago dende O Cebreiro compartindo  itinerarios vitais e literarios,  as participantes achegarán a súa poesía a un dos eidos da casa natal de Novoneyra. 

Con este proxecto a Fundación Uxío Novoneyra busca activar a memoria poética das rutas xacobeas e actualizar os seus temas, motivos e inspiracións para a poesía actual. A iniciativa toma como punto de partida o derradeiro libro do poeta, Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas, tamén chamado «Ámeto Mítico». 

Pola situación sanitaria, o aforo é limitado a 60 persoas. Para poder asistir é preciso inscribirse no mail ametomitico@uxionovoneyra.com. Recibiredes resposta coa maior premura.

«Ámeto Mítico» é un proxecto desenvolvido do programa «O teu Xacobeo» da  pola Xunta de Galicia e forma parte da iniciativa Europa Creativa BE(p)ART – GROW WITH ARTS.

PARTICIPANTES

Pilar Astray é comunicadora audiovisual pola UAM. Autora de El lenguaje de la gravedad (Ruleta Rusa Ediciones), Diez poemas medicina para que papel venza a piedra (Libros con Miga, Accésit Leopoldo de Luis de poesía) e de Aquelarre (Huerga y Fierro Ediciones); é directora de Mundos Flotantes, proxecto seleccionado por EmprendeLibro no 2017-2018 por Factoría Cultural. Desde esta produtora cultural  editou  No estoy hecha para pertenecer, Vengo del agua, Man de Camelle y un jardín marino en el fin del mundo e  La Queimada. Con ela tamén xestionou o programa de entrevistas a escritoras e escritores «La palabra contra el silencio».

Organizou recitais poéticos e eventos culturais entre os que destacan “No somos musas, somos artistas”, “Artistas por la igualdad”, e a parte de poesía e danza do festival Cultura Inquieta durante o 2018.Como presentadora encargouse do Poetry Slam Lavapiés e de outros encontros culturais.

Como directora de cine dirixiu a curta Cicatrices baseado nun relato de Juana Cortés Amunarriz e a longa documental De aquí no se va nadie, sobre Leopoldo de Luis.

Adam Wyeth é poeta, dramaturgo e ensaísta residente en Dublín.

É autor da peza teatral This Is What Happened (Salmon Drama 2019) e os poemarios The Art of Dying Irish Times (considerado libro do ano para o Irish Times) e Silent Music (Salmon Poetry, 2011). No ensaio, publicou The Hidden World of Poetry: Unravelling Celtic Mythology in contemporary Irish Poetry (Salmon poetry, 2013) e about: blank, a piques de saír do prelo.

Escritor independente, traballa como artista asociado no Civic Theatre de Dublín e tamén como editor, crítico e facilitador de escrita creativa en Fish Publishing. En 2019 recibiu o premio The Patrick Kavanagh Fellowship e en 2020, foi seleccionado para The Abbey Theatre’s Engine Room Development Programme, onde traballou sobre a peza about:blank, unha audio-inmersión interpretada polos actores Owen Roe e Olwen Fouere que posteriormente recibiu o premio Arts Council Ireland Literature Project.

En 2019, a súa obra Apartment Block tivo unha lectura escénica en New York Off-Broadway antes da súa produción completa de Broadway. Nese mesmo ano presentouse a súa nova obra The Wrongs & Rites of Grosvenor Square no Festival Scene & Heard de Smock Alley, codirixida por Simon Coury.

En  2021 foi destinatario do Live Music & Performance Scheme para elaborar a peza ‘THERE WILL BE NO SILENCE’ en colaboración co compositor David Downes. Tamén foi seleccionado para unha residencia de artistas na casa Heinrich Böll. 

Laura Casielles é licenciada en Xornalismo pola Universidad Complutense, Máster en Estudos Árabes e Islámicos Contemporáneos pola UAM  e Licenciada en Filosofía pola UNED. A súa investigación doutoral aborda a literatura en lingua española escrita por autoras e autores de orixe marroquí e saharauí e leva por título “El silencio y las voces. El rastro de la colonialidad española en las literaturas hispánicas de Marruecos y el Sáhara Occidental”.

Como poeta, publicou os libros Soldado que huye (Hesperya, 2008), Los idiomas comunes (Hiperión, 2010) —galardoado co Premio Nacional de Poesía Joven en 2011—, Las señales que hacemos en los mapas (Libros de la Herida, 2014) e no 2017 Breve historia de algunas cosas.

Foi incluída en diversas antoloxías e traducida a outros idiomas, por exemplo en Canto e demolizione. 8 Poeti Spagnoli Contemporanei (Thauma Edizioni, 2013; edición bilingüe). Participou como autora convidada en numerosos festivais e ciclos de poesía e feiras do libro de España e doutros países, como a Feira do Libro de Córdoba (Arxentina) ou o Festival Internacional de Poesía de Bogotá. Así mesmo é autora do ensaio Los cantos inolvidables. Souffles: una revista marroquí de poesía y política entre el colonialismo y los años de plomo (Alción Editora, 2018).

Tamén traduciu ao poeta marroquí Abdellatif Laâbi para o selo Valparaíso e dirixiu o documental web “Provincia 53. Memorias cruzadas del Sáhara Occidental”. É colaboradora habitual de diversas publicacións e medios de comunicación. Escribe en distintos medios e coordina a sección de cultura da revista La Marea.

Agnes Marton é unha poeta de orixe húngara que reside en Luxemburgo. Colabora coa edición da revista The Ofi Press (México), é curadora de arte de One Hand Clapping (Reino Unido), fundadora de Phoneme Media (Estados Unidos), integrante da Royal Society of Arts (Reino Unido), editora convidada da revista literaria Pratik. Entre as publicacións recentes inclúense a súa colección de poesías Captain Fly’s Bucket List. O seu novo poemario chegará con Red Squirrel Press (Escocia). Este ano comezou a escribir tamén en húngaro, publicada nas mellores revistas literarias húngaras.

Gañou o National Poetry Day Competition no Reino Unido e a antoloxía que editou (Estuary: A Confluence of Art and Poetry) tamén recibiu o Saboteur Award.

Foi poeta residente nun barco de investigación no Círculo Polar Ártico, no Scott Polar Research Institute (Universidade de Cambridge), e tamén en Irlanda (o centro Tyrone Guthrie), Islandia (Gullkistan – Residency for Creative People), Italia (La Macina Di San Cresci), España (Arreciado – Wool Symposium), Portugal (First Impression) e Canadá (Ou Gallery; Ayatana Artists ‘Research Program). Ten concedida tamén unha residencia literaria en Suecia, no Bergman Center en Fårö.

O dúo de ópera baixo a composición de Vasiliki Legaki baseado no seu libreto, con partes da súa colección de poesías Captain Fly’s Bucket List, foi estreado no Hellenic Centre de Londres. Colabora con artistas de distintas disciplinas, coma o pintor Midori McCabe, a pintora Rusudan Khizanishvili ou o escultor Emmanuel Bour. En 2018 abriu o International Video Poetry Festival in Athens, Greece, en colaboración con Sara Gerats e Vasiliki Legaki

Traduciu á poeta húngara Zita Izso e á serbia Anna Terek. Foi invitada polo Comité de tradución do PEN America a ler as súas traducións durante o seu Women’s Translation Month en agosto de 2020.

See Less

Arancha Nogueira licenciouse en xornalismo, cursou un mestrado de literatura comparada e crítica cultural e outro de educación secundaria e traballou como investigadora e docente predoutoral na Universidade de Santiago Compostela.

A súa obra poética foi recoñecida con diversos premios ao longo dos últimos anos: o Francisco Añón de Outes en 2013 por Andar descalza  e, xa en e 2019, o Johán Carballeira do concello de Bueu por Dente de leite (Xerais, 2020), ademais do premio de poesía da Universidade de Vigo en 2016 e o Mazarelos da Universidade de Santiago de Compostela en 2017 e 2018. 

Tamén en poesía publicou o único lugar onde ficar inmóbil (Urutau, 2018), Spleen en catro tempos (Toxosoutos)  Toxosoutos, A comparsa e  Os ourizos  con Leite Edicións, e #hashtags para un espazo/confinamento agónico con Edicións Positivas 

Recentemente estreouse tamén como narradora coa obra A mestra corremundos (Cuarto de inverno), dirixida ao público infantil e xuvenil.

Ten participado en diversas antoloxías e revistas literarias como Ligeia ou Dorna e festivais e encontros poéticos como o Poemagosto, Cultura que Une, Poetas (din)versos ou Fala o Mar.

Luís López Alonso  (Sarria, 1977) é filólogo e mestrado en Lingüística Aplicada pola UVigo e membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

Como poeta, publica Salífero (Urutau, 2020) e colabora en varias revistas como a Revista dos Tr3sreinos, Xistral ou Grial; a súa obra foi recoñecida con algúns premios literarios.

No ámbito da investigación, desenvolve a súa actividade principal na área da sociolingüística crítica, mais asemade na da teoría e crítica literarias, onde publica artigos en revistas especializadas e colabora en publicacións como En galego 24/7. Da minoración ao neofalantismo (ANL UVigo, 2021) ou “Contornas” en Figuras masculinas a meio-corpo de Antom Fortes (Chan da Pólvora, 2020).

Actualmente, permanecen no prelo dúas futuras publicacións para este 2021, unha en coautoría e outra individual.

Creador e guionista das dúas tempadas de Cocorico (RTVG – OQO Filmes), serie televisiva infantil de animación en stop-motion.

Tamén é licenciado en Farmacia pola USC.