Liñas estratéxicas

Cultura en aberto

Poesía, literatura e arte atópanse na base da Fundación Uxío Novoneyra. Activamos e apoiamos proxectos que contribúan  a canalizar o valumbo creativo de ideas que atravesa o noso mundo mentres teimamos en investigar e expandir o territorio literario que é a serra do Courel.

Coa apertura da Casa da Fonte en 2010 establecemos unha programación cultural singular no Courel: roteiros, recitais, teatro, exposicións… e desde 2015 o Festival dos Eidos, 3 días de cultura de vangarda que cada mes de agosto axitan a aldea de Parada. Forma parte da rede europea de festivais literarios en zonas isoladas LITFEST; con socios na Italia, Francia, Irlanda ou Portugal cos que compartimos a paixón polas letras e o seu valor como ferramenta de aprendizaxe permanente.

Na Fundación damos acoubillo á creación e investigación literaria a través da nosa actividade editorial e o programa de residencias artísticas itinerantes Ameto MíticoTamén colaboramos coa comunidade educativa no fomento da creativade e a expresión artística nas aulas así coma  no coñecemento do noso patrimonio.

O grupo de traballo da Fundación IthFunding desenvolve  ferramentas para a formación, acompañamento e facilitación de proxectos culturais, propios ou de terceiros, relevantes dacordo cos nosos obxectivos fundacionais.

Internacionalización

Unha grande parte da accións e proxectos da FUN son posibles grazas a un traballo continuo de captura de fondos e proxectos a través de programas europeos, o que nos convirte na fundación cultural máis internacionalizada de Galicia.

A nómina de iniciativas nas que a FUN ten participado e/ou liderado, en varias ocasións declaradas como boas prácticas a nivel comunitario, permitíronnos establecer unha rede de alianzas estratéxicas con actores por todo o planeta, creando sinerxias fértiles coas que avanzar nas nosas liñas de traballos e atraer talento e oportundidades ao noso territorio.

Turismo e desenvolvemento sostible

Uxío Novoneyra foi premonitorio en denunciar a falla de atención das institucións aos modos da vida labregos e aos  procesos de despoboamento que asolan o rural. Na Fundación implicámonos en proxectos que sumen posibilidades ao futuro destas zonas. Pensamos con Uxío, que outra vida é posible e iso pasa por activar un mundo rural dinámico, diverso e sostible.

Exemplo de restauración e conservación da arquitectura tradicional labrega, a antiga casa do poeta é hoxe unha Casa Museo  que recibe cada ano centos de visitantes. Reseñada pola Xunta de Galicia como recurso estratéxico na declaración de Folgoso do Courel como municipio de interese turístico, a Casa Museo actúa tamén como laboratorio de proxectos e experiencias pola dinamización do territorio e a súa actividade turística: programación cultural, rotas interpretativas, obradoiros, formativos, etc. Un labor recoñecido pola Deputación de Lugo que no ano 2020 elixiunos como unha das cinco entidades premiadas nos galardóns Lugo Cambia á promoción da provincia e o desenvolvemento do seu potencial turístico.

Coa nosa actividade queremos contribuir a facer do Courel un territorio literario-natural accesible e relevante, un destino turístico sostible e xerador de oportunidades para a súa veciñanza.  Nesta liña, formamos parte do proxecto rurAllure: un proxecto  para investigar e conectar o patrimonio rural na contorna das grandes vías de peregrinación de Europa a través da innovación e as humanidades dixitais financiado con cargo ao programa Horizonte 2020. 

Compromiso co medio

O pensamento ecolóxico de Novoneyra é un núcleo de enerxía permanente na súa obra. En Os Eidos, obra sobre a que nunca deixo de volver, o poeta inmortalizou a súa terra apuntando as conexións entre a natureza e os seus habitantes: un Courel de lobos, osos, aguias, bois,  e labregos que xa daquelas ameazaba con desaparecer. 

Desde esta militancia ecopoética termamos no compromiso co espazo que habitamos, e participamos e impulsamos proxectos para a preservación da biodiversidade do Courel, ademais de colaborar de xeito habitual con entidades ambientais.

Sumámonos ao Proxecto Liber  (SEO Birdlife) cun estudo no noso Souto da Rubial, para o que acadamos a súa declaración como conxunto de Árbores Senlleiras da Xunta de Galicia.  Participamos no Plan Life+Oso Courel colaborando da edición do manual Buenas prácticas para el turismo de naturaleza en la Serra do Courel, promovido pola Fundación Oso Pardo. 

A Fundación traballa na captura de fondos para accións ambientais e de sensibilización e educación: Erasmus+ KA201 Science of the Earth de educación ambiental, Emprega verde_CONECTA 2020 da Fundación Biodiversidad, e Avaliación Biodiversidade Terrestre 2020 da Fundación Biodiversidad.