Biblioteca e
colección de arte

A biblioteca da Fundación comprende máis de 2.000 títulos, nomeadamente poesía en lingua galega, española e portuguesa así como traducións da poesía universal, revistas e plaquettes. Súmanse ademais catálogos expositivos, libros de artista, títulos de filosofía, arte e ciencias sociais, que veñen documentar os amplos intereses e influencias lectoras de Uxío Novoneyra.

Pola súa banda, a colección de arte familiar convídanos a unha viaxe retrospectiva pola pintura galega dos anos 60, 70 e 80 do século XX. A través dela pódese interpretar a intensa relación que Novoneyra mativo con pintores como Reimundo Patiño, Laxeiro, Carlos Maside ou Tino Grandío; recollendo os seus universos visuais en múltiples poemas. 

Novoneyra tamén escribiu textos para presentacións e catálogos que comisarios e pintores lle encomendaban coñecendo o seu entusiasmo polas vangardas e o Action Painting, influencias radicais na súa poesía visual e produción como gravador. 

Entre a escritura e o debuxo nun principio non houbo separación,
toda escritura veu dun facer signos, que nun principio recordaban ben a cousa en si.

Moitas veces por debaixo dos grafismos poño o texto mecanográfico,
ou o texto composto do grafismo, porque o que eu escribo á mao non é para ser lido,
é para ser sentido, quero dicir sentida a tensión gráfica,
que transmita a extremada tensión gráfica.

Dos soños teimosos, 2010