Categorías
Novas

A Fundación Uxío Novoneyra entra na directiva de ACAMFE

A Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE) vén de renovar a súa xunta directiva co gallo da Asemblea xeral celebrada o pasado 30 de setembro de na Residencia de Estudantes de Madrid. A Fundación Uxío Novoneyra entra a formar parte da dirección  en calidade de Tesoureiro, mentres que a Presidencia recaerá na Casa-Museo Pérez Galdós (Palmas de Gran Canaria). Tamén formarán parte do órgano a Fundação Cupertino de Miranda, a Casa-Museo Unamuno e o Museo Casa Natal de Cervantes. A candidatura foi elixida por unanimidade polos representantes das entidades membro da rede.

A cita serviu tamén para referendar os convenios de colaboración que ACAMFE mantén coa Asociación Colexial de Escritores de España (ACE) e mais a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Tamén se discutiron as accións e proxectos á futuro, como a continuidade da iniciativa “Espazos Literarios“, a creación un catálogo de casas e recursos literarios na Península ou apertura da rede a universidades e fundacións de artistas.  Na mesma xuntanza acordouse tamén a entrada da Fundación Miguel Delibes e a Fundación Carlos Velo.

ACAMFE reune na actualidade a 43 fundacións e casas-museo de España e Portugal, nunha rede constituida formalmente no ano 1998 co propósito de contribuír a un mellor coñecemento e difusión deste patrimonio cultural, favorecendo ademais o encontro e cooperación entre estas institucións.

A asociación representa as casas e os legados dos distintos escritores e escritoras, que inclúe o patrimonio moble e inmoble depositario da vida íntima ligada a un enclave local concreto. As casas-museo ofrecen tanto fondos documentais e bibliotecas particulares, como obxectos artísticos ou personais, material privilexiado para a achega investigadora ao personaxe.