Categorías
Novas

O Festival dos Eidos volverá os días 27, 28 e 29 de agosto de 2021 a Parada do Courel

  • A Fundación Uxío Novoneyra recupera o evento que en 2020 non se puido celebrar pola situación da COVID-19.
  • O festival e poesía e artes expandidas da montaña luguesa celebra este ano a súa 2021 VI edición.

A Fundación Uxío Novoneyra retoma o Festival dos Eidos e celebrará a súa VI edición  os vindeiros  27, 28 e 29 de agosto deste ano. Logo do adiamento obrigado do eventos en 2020 polo contexto derivado da  COVID-19, a Fundación anuncia que recuperará o festival e volverá encher de actividade á vila de Parada.  A casa natal do poeta e os soutos de castaños que a rodean volverán convertese no escenario desta cita coa poesía, a literatura e as artes no corazón da serra do Courel.

De acordo cos protocolos de seguridade e prevención contra a COVID-19, a organizacion dos Eidos adaptará as actividades e aforos ao novo contexto e construirá un espazo seguro para gozar da cultura.

Á falta de coñecer o cartel de artistas convidados, esta edición volverá apostar pola poesía como eixo central. Como noutras edicións, convivirán diferentes expresións artísticas ligadas á literatura: recitais, concertos, artes escénicas e do corpo, roteiros, visitas guiadas, obradoiros, actividades infantís e exposicións nos diferentes espazos da casa-museo de Novoneyra. 

O Festival dos Eidos forma parte da rede europea de festivais literarios en zonas isoladas LITFEST; con socios na Italia, Francia, Irlanda ou Portugal cos que a Fundación Uxio Novoneyra comparte a paixón polas letras e o seu valor como ferramenta de aprendizaxe permanente. En 2019 foi galardoado co Premio do Público na Culturgal (Feira das Industrias Culturais de Galicia) e, en 2020, a pesar da súa cancelación, foi elixido como Mellor Festival Non Musical nos Iberian Festival Awards. Esta VI edición encádarse dentro do proxecto BE(p)ART – GROW WITH ARTS, unha iniciativa financiada con cargo ao programa Europa Creativa da Comisión Europea. O obxectivo de BE(p)ART é achegar a creación literaria á poboación máis nova e crear novos públicos desde unha metodoloxía participativa e de traballo en rede.

Para saber máis: https://bepartnow.eu/

Categorías
Novas

A Fundación Uxío Novoneyra recibe un arquivo sonoro con 8 poemas recitados polo poeta do Courel

  • A doazón foi realizada polos irmáns Rafael, Hilario e Jose González no marco da Semana Europea dos Xeoparques
  • A cinta contén, entre outros, os poemas “Vietnam Canto” e “Letanía de Galicia” recitados por Novoneyra nun evento privado

A Casa-Museo de Uxío Novoneyra acolleu o pasado sábado 5 de xuño o acto de entrega dunha cinta con oito poemas recitados por Novoneyra no verán de 1970. As gravacións, que foron realizadas polos irmáns Rafael, Hilario e Jose González nun recital privado, constituíron un ben prezado da familia durante 50 anos e acollen poemas como “Vietnam Canto” ou “Letanía de Galicia”. A presidenta da Fundación e viúva do poeta, Elba Rey, e a súa filla, Branca Novoneyra, recibiron a cinta da man de Rafael González, que interveu no nome dos seus irmáns.

Elba Rey Martínez consulta documentación sobre o poeta

Con esta nova incorporación, a Fundación Uxío Novoneyra amplía o seu fondo documental diverso e constituído polo arquivo da familia Novo e Neira e o do propio poeta. Nestes fondos poden atoparse documentos únicos do poeta do Courel, así como de María Mariño e Carlos Oroza ou múltiples coleccións fotográficas.

A doazón deste patrimonio sonoro estivo encadrada no peche da Semana Europea dos Xeoparques, onde o Xeoparque do Courel (Courel Mountains UNESCO Global Geopark) quixo establecer fíos entre o patrimonio natural e xeolóxico e mais o patrimonio inmaterial e cultural. A Semana Europea acolleu unha intensa programación de roteiros, conferencias e eventos de tipo cultural que pechou na fin de semana do 5 de xuño.