A MIÑA CESTA

A Fundación Uxío Novoneyra recibe un arquivo sonoro con 8 poemas recitados polo poeta do Courel

As gravacións, que foron realizadas polos irmáns Rafael, Hilario e Jose González nun recital privado, constituíron un ben prezado da familia durante 50 anos

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on linkedin
Share on telegram
  • A doazón foi realizada polos irmáns Rafael, Hilario e Jose González no marco da Semana Europea dos Xeoparques
  • A cinta contén, entre outros, os poemas “Vietnam Canto” e “Letanía de Galicia” recitados por Novoneyra nun evento privado

A Casa-Museo de Uxío Novoneyra acolleu o pasado sábado 5 de xuño o acto de entrega dunha cinta con oito poemas recitados por Novoneyra no verán de 1970. As gravacións, que foron realizadas polos irmáns Rafael, Hilario e Jose González nun recital privado, constituíron un ben prezado da familia durante 50 anos e acollen poemas como “Vietnam Canto” ou “Letanía de Galicia”. A presidenta da Fundación e viúva do poeta, Elba Rey, e a súa filla, Branca Novoneyra, recibiron a cinta da man de Rafael González, que interveu no nome dos seus irmáns.

Elba Rey Martínez consulta documentación sobre o poeta

Con esta nova incorporación, a Fundación Uxío Novoneyra amplía o seu fondo documental diverso e constituído polo arquivo da familia Novo e Neira e o do propio poeta. Nestes fondos poden atoparse documentos únicos do poeta do Courel, así como de María Mariño e Carlos Oroza ou múltiples coleccións fotográficas.

A doazón deste patrimonio sonoro estivo encadrada no peche da Semana Europea dos Xeoparques, onde o Xeoparque do Courel (Courel Mountains UNESCO Global Geopark) quixo establecer fíos entre o patrimonio natural e xeolóxico e mais o patrimonio inmaterial e cultural. A Semana Europea acolleu unha intensa programación de roteiros, conferencias e eventos de tipo cultural que pechou na fin de semana do 5 de xuño.