Categorías
Novas

Publicados os nomes das artistas participantes nas III Residencias Literarias «Ámeto Mítico»

Comunicamos o nome dos participantes seleccionados para desfrutar da terceira edición das residencias internacionais «Ámeto Mítico» no Camiño de Santiago, un proxecto integrado dentro da programación «O Teu Xacobeo» da Xunta de Galicia.

Alessandro Burbank, Tamara Andrés, Ojo Taiye, Nuria Vil, Carlos Negro, Verónica Aranda e Mohamed Abdullah son as/os poetas escollidas/os para participar na experiencia de escrita en residencia de escrita que se celebrarán entre o 16 de setembro e o 3 de outubro do 2022.

Durante máis de 15 días as/os participantes peregrinarán entre Vilafranca do Bierzo e Santiago de Compostela dedicados a desenvolver composicións de temática xacobea que, posteriormente,  compartirán co alumnado de centros educativos sitos en distintos concellos da ruta francesa. Ao remate da residencia, a FUN compilará os textos creados nunha edición especial.

A experiencia ten como obxectivo dialogar coas tradicións literarias que, como a lírica provenzal e a mística sufí, chegaron ás nosas terras polo Camiño. Recuperar o ámeto mítico que imaxinou Novoneyra na súa obra homónima é a finalidade destas residencias de escrita que desexan reactivar a temática xacobea para a poesía actual e convidar ao recoñecemento entre as/os mozas/os do Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

Felicitacións para as seleccionadas e seleccionados.

As residencias itinerantes «Ámeto Mítico» forman parte da programación cultural da Xunta de Galicia “O Teu Xacobeo”. Esta terceira edición está encadrada no proxecto BE(p)ART – GROW WITH ARTS, unha iniciativa financiada con cargo ao programa Europa Creativa da Comisión Europea. O obxectivo de BE(p)ART é achegar a creación literaria á poboación máis nova e crear novos públicos desde unha metodoloxía participativa e de traballo en rede.