Categorías
Novas

A Fundación Uxío Novoneyra convida a participar na segunda fase do Arquivo de Memoria de Mulleres do Courel

Buscamos mulleres que nos axuden a facer máis grande a historia do Courel

Despois dunha primeira fase dedicada a elaborar os documentos fundacionais do Arquivo de Memoria de Mulleres do Courel, o obxectivo desta nova fase é ampliar a recollida de entrevistas entre mulleres courelás.

Queremos aproveitar o verán para dedicarlle un tempo a escoitar ás mulleres da serra e implicar outras que, tamén vencelladas por nacenza ou pertenza, nos visitan durante os meses de xullo e agosto. Queremos aproveitar a tempada vacacional para recoller coñecementos sobre a vida no Courel: os traballos e os coidados, o lecer das festas e outras celebracións, tamén queremos coñecer máis sobre os nomes dos lugares, os topónimos, descubrir as lendas e, en xeral, sobre o saber popular. Tamén estamos interesadas na experiencia na escola e as vivencias propias sobre o impacto da emigración e o despoboamento que forman parte da historia da comunidade durante os últimos tres séculos. Por último, precisamos que nos axuden a descubrir feitos esquecidos ou os restos da memoria durmida ou silenciada, aquelo que queda oculto, aquelo que non se conta.

Desenvolver o Arquivo de Memoria das Mulleres do Courel quere favorecer a construción dunha memoria rica e diversa da montaña. Para conseguilo precisamos que participen mulleres de idades e pobos distintos para, entre moitas, tecer un arquivo local que impulse un futuro en igualdade, onde o coñecemento non se perda e poidamos recoñecelo nos saberes que gardan as mulleres do Courel.

Quen pode participar e para que?

Poden participar as mulleres de todas as idades que por nacenza, pertenza ou residencia no Courel lles interese formar parte desta iniciativa.

Cando e onde apuntarse?

Desde o 1 de xullo ata o 1 de agosto de 2022 no mail arquivo@uxionovoneyra.com ou chamando ao teléfono de contacto +34 659 888 709

Queres saber máis do proxecto?

Como era vivir no Courel cando eras nena?
Nieves Neira en El Progreso

Archivo de la memoria de las mujeres de O Courel
RTVE