Categorías
Uncategorized @gl

Preséntase en Perugia Tempo di Elegia

No acto, organizado polo Centro di Studi galeghi da Universitá de Perugia, participaron o tradutor Marco Paone, Branca Novoneyra e a pianista Fiorella Rambotti

O pasado 3 de decembro presentouse o poemario Tempo di Elegia editado por Aguaplano no Museo Archeologico Nazionale dell’Umbria cun acto intitulado, Uxío Novoneyra, un poeta fra amore e libertá.

Trala benvida de Mª Angela Furquetti, directora do museo, e de Carlo Pulsoni, profesor responsable do Centro di Studi galeghi, Marco Paone e Branca Novoneyra compartiron unha conversa arredor da poesía amorosa e libertaria de Novoneyra.  Comezaron polos poemas breves: DIN os soños… ou NUNCA fun como te amo ata recitar o Canto para ter os favores de Venus. Tamén se puido escoitar o poema LIBERTÁ, chamas dos ollos tristes das “Elexías de Madrid” recollidas en Tempo de Elexía. Este volume foi traducido ao italiano por Paone, que compartiu a súa experiencia como tradutor de Novoneyra desde Poesie della chiara certeza, unha antoloxía editada por Aguaplano no ano 2019.

Durante o acto os participantes falaron e amosaron mostras da poesía caligramática de Novoneyra. Subliñaron o renovado interese que acadou a obra do poeta nestes tempos de repensamento do mundo agrario, central no seu pensamento.

Branca Novoneyra acompañou os poemas en galego orixinal e destacou a vía do traballo fundacional para acadar outras lecturas da obra de Uxío Novoneyra, alén do seu espazo lingüístico, co obxectivo de divulgar a obra poética e posibilitar o nacemento de novos lectores para a poesía do poeta do Courel.