Categorías
Novas

O Festival do Eidos volve a Parada do Courel os días 27, 28 e 29 de agosto

  • A Fundación Uxío Novoneyra lanza a campaña #VolvenOsEidos e recupera a cita cultural que non se puidera celebrar en 2020 pola situación de pandemia.
  • O festival e poesía e artes expandidas da montaña luguesa celebra este ano a súa 2021 VI edición con artistas multidisciplinares do territorio nacional e internacional.
? Merca a túa entrada!

Chus Pato, Yolanda Castaño, Constantino Bértolo (Tino de Feliz), Sonia Marpez, Adriá Targa e Belén Gopegui darán voz á palabra nesta edición da cita organizada pola Fundación Uxío Novoneyra na casa natal do poeta en Parada do Courel, que tamén contará coa música de Davide Salvado, Califato DJ set, Babykatze ou Xico de Cariño, entre outros, ademais de danza, audiovisuais e o xa clásico roteiro de avistamento de paxaros.

O Festival dos Eidos lembra un libro aberto e comunal e celebra os seus “lugares íntimos, os máis convividos, dos que se ten longa experiencia, hábito de longa presencia, os que un leva estampados dentro”, como os definía Novoneyra. Nesta edición serán a horta, o curral, a aira, a Casa-Escola de María Mariño e o Souto da Rubial —que forma parte do catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia— os escenarios dunha cita que reivindica a paixón polo canto e a palabra poética expandida, salvaxe, escénica e en diálogo con outras artes.

? Descarga o programa

A homenaxe que cada ano se lle dedica a Carlos Oroza contará o venres 27 coa participación de Yolanda Castaño e do que foi o seu editor no selo vigués Elvira, Javier Romero. Branca Novoneyra conducirá este acto que lembra ao autor do emblemático poema antifascista ‘Se prohibe el paso’, que consolidou a súa obra ‘Eléncar’ nas longas tempadas que viviu na casa de Novoneyra en Parada. O festival acollerá tamén a representación da peza da compañía Kirenia Danza ‘Emigrantas‘, unha visión actual da emigración levada á escena por Esther Latorre e David Loira.

A novelista e guionista Belén Gopegui, unha das principais voces da súa xeración, ofrecerá o sábado 28 no souto unha lectura titulada ‘Nuestras voces, nuestras ficciones’, onde afondará no seu compromiso coa escrita. Pola tarde terá lugar no curral da Casa da Fonte o recital central do festival coa voz punta de lanza da poesía galega contemporánea, Chus Pato; o pulso naviego do Gran Poema de Constantino Bértolo (Tino de Feliz); o alento da sarriá Sonia Márpez e, grazas á colaboración co PEN Català, tamén participará na lectura o poeta e tradutor Adrià Targa.

O domingo 29 a xornada comezará da man do ornitólogo Xabier Vázquez Pumariño cunha actividade que nunca falta: a ruta polos paxaros que poboan ‘Os eidos’. Ademais, o festival acollerá a peza ‘Tres Tristes 2.0’ de Kirenia Danza. Califato DJ set, Babykatze, Davide Salvado, Xico de Cariño, Su Garrido Pombo, Eladio & Uka, Román Gutiérrez, Dj Tristón, Xavi B e Sergio Canay darán música a esta edición. A Casa-Escola de María Mariño acollerá durante toda a fin de semana a videoinstalación ‘Visións inéditas’.


O Festival dos Eidos forma parte da rede europea Litfest, de festivais literarios en zonas ailladas, e conta co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. No ano 2019 logrou o Premio do Público do Culturgal e no 2020 o de Mellor Festival non Musical nos Iberian Festival Awards, unha consolidación desta cita que xira á volta deses lugares de pertenza, referencia física, literaria e social das terras altas da montaña luguesa. As entradas poden adquirirse 
aquí.