Categorías
Novas

A Fundación Uxío Novoneyra é finalista á Copa España Creativa

A rede España Creativa e o Concello de Orihuela, en colaboración co Instituto Cervantes, sinalaron como finalistas na Copa España Creativa á Fundación Uxío Novoneyra e a Deputación de Lugo. Os dous organismos sitúanse así entre as 20 iniciativas máis innovadoras e creativas do Estado para favorecer un desenvolvemento sostible e solidario.

A Fundación Novoneyra foi seleccionada como terceira finalista na modalidade de empresas, universidades, organizacións non lucrativas ou individuos por ITH, unha plataforma de financiamento de proxectos culturais con sete anos de traxectoria. A iniciativa, que se desenvolve a través do sitio web www.ithcrowdfunding.org, aposta polo financiamento diversificado da cultura por medio do micromecenado. Ademais, a intención da Fundación é a de acompañar o sector cultural para identificar oportunidades de internacionalización, financiamento ou mobilidade en residencias culturais e artísticas. A formación dos axentes culturais nestes ámbitos é un piar fundamental do proxecto.

A Deputación de Lugo, pola súa parte, foi escollida polo seu proxecto de posta en valor dos soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, desenvolvido en colaboración coa cooperativa A Carqueixa.

España Creativa é unha rede creada en 2016 en Monforte de Lemos. A Copa homónima é un recoñecemento ao proxecto urbano ou territorial máis creativo de España en 2019, que se dá en 2021 pola imposibilidade, por mor do impacto da COVID-19, de realizar unha gala en 2020. O Fórum Orihuela 2020 é o marco desta convocatoria pública que procura avanzar nos obxectivos de desenvolvemento sostible trazados na Axenda 2030 da Organización das Nacións Unidas.