A MIÑA CESTA

Prazas dispoñibles nos cursos de artesanía galega no Courel

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on linkedin
Share on telegram

A Fundación Artesanía de Galicia vén de anunciar que aínda existen prazas dispoñibles nos cursos de artesanía que vai levar a cabo en Folgoso de Courel entre o 9 e o 13 de agosto. Máis en concreto, restan prazas por ocupar nas especialidades de macramé, bordado, bordado sobre fotografía e de elaboración dun banco de madeira.

Rodrigo Mosquera.

O artesán Rodrigo Mosquera, do obradoiro Tresoficios de Teo, será o encargado de impartir o curso de elaboración dun banco de madeira na Fundación Uxío Novoneyra, en Folgoso do Courel, entre o 9 e o 13 de agosto. Neste curso, os alumnos fabricarán uns bancos de madeira para uso dos visitantes da propia Fundación traballando de xeito colaborativo con técnicas tradicionais de carpintería, facendo fincapé no deseño, na boa planificación das medidas, nos materiais a empregar e na finalidade das pezas. A matrícula ten un prezo de 35 euros. Podes facer a inscrición no curso cubrindo este formulario.

Ana Loredo de Nai Diseños
Ana Loredo.

O obradoiro de macramé será impartido pola artesá viguesa Ana Loredo, de Nai Diseños, e nel ensinarase a facer un bolso tecido a man a base de nós e de corda de algodón reciclado. Primeiro aprenderase a traballar no macramé para crear un cordón, e logo a técnica para crear unha trama que será o corpo do noso bolso. O curso terá lugar en Parada, no concello de Folgoso de Courel, o 12 e o 13 de agosto en horario partido, de 11:00 a 13:30 e de 16:00 a 18:00. O custe da matrícula é de 20 euros. Podes inscribirte aquí.

Dolores García.

O de bordado en la será impartido pola artesá Dolores García, do obradoiro Logaro, de Ourense, n’A Carbiña, en Folgoso do Courel, entre o 9 e o 11 de agosto en horario partido, de 11:00 a 13:30 e de 16:00 a 18:00 horas. As persoas asistentes aprenderán os puntos básicos e realizarán unha composición floral sobre unha mostra de tecido ou unha prenda tecida sobre a que facer o bordado para customizala dándolle unha nova vida. Non se require ningún coñecemento previo e as persoas asistentes deberán levar un ou dous bastidores de 25 ou 30 centímetros de diámetro e un rotulador para marcar de extinción con auga. O custe do curso é de 20 euros e pódeste inscribir aquí. 

Minia Banet.

Finalmente, o curso avanzado de bordado de fotografía sobre papel ou tela será impartido pola artesá Minia Banet, do obradoiro compostelán Variopinto os días 12 e 14 de agosto en horario de mañá e tarde n’A Carbiña, no concello de Folgoso do Courel. Os alumnos e alumnas estamparán diferentes imaxes para logo bordar sobre elas con puntos planos e de relieve, empregando fíos de bordado de tapicería e mouliné. O prezo da matrícula é de 20 euros e podes realizala aquí.