-
A inauguración do proxecto, realizalo ao abeiro do Fondo Xacobeo da Xunta de Galicia, terá lugar o 22 de outubro na Fundación Uxío Novoneyra
En consonancia cos seus obxectivos fundamentais —a promoción de actividades poéticas e plásticas e mais a dinamización da cultura galega—, a Fundación Uxío Novoneyra (FUN) acollerá, o vindeiro venres 22 de outubro, a inauguración de Matrias illadas, proxecto artístico multidisciplinar artellado por Neves Seara, artista plástica e performer, xunto a Tamara Andrés, poeta, tradutora e investigadora.
A exposición fotográfica que vertebra o proxecto instalarase na Casa-Escola de María Mariño, rehabilitada no ano 2018 por solicitude da FUN, entidade que a custodia. O venres 22, ademais da apertura da exposición, tamén se presentará o libro que integra o proxecto e compartiranse poemas escritos no marco do mesmo. Para asistir á inauguración cómpre confirmar asistencia no correo matriasilladas@gmail.com.
As imaxes que se exporán na FUN foron tomadas en lugares de Galicia relacionados coas ancestras das creadoras —as ‘Matrias’—, e foron concibidas como homenaxe a elas e á súa herdanza. A exposición poderá visitarse ata o luns 1 de novembro no seguinte horario: venres de 16:00 a 19:00 e sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00. Contactando coa Fundación Uxío Novoneyra tamén é posible organizar visitas grupais os luns.
Matrias illadas é un proxecto realizado ao abeiro do Fondo Xacobeo 2021-2022, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A través do perfil de Instagram do proxecto pode seguirse toda a súa actividade.
Traxectoria das creadoras
Neves Seara licenciouse en Belas Artes e especializouse en Escenografía e Museografía. Traballa como artista plástica, xestora cultural e performer. Dirixiu Aire centro de Arte en Santiago de Compostela, onde comisariaba exposicións e impartía clases de arte e creatividade. As súas obras teñen viaxado cara a cidades como Atenas, Bruxelas, Helsinki, La Habana, Lisboa, Londres, Madrid, Nova York ou Ponferrada. Na actualidade dirixe o proxecto de industria cultural Casa Morada Servicios Culturales.
Tamara Andrés é escritora, tradutora e investigadora en formación. É a responsable da sección de literatura do Diario Cultural Zeta da Radio Galega. Entre as súas publicacións individuais destacan os poemarios Corpo de Antiochia (Editorial Galaxia, 2017), Bosque vermello (Edicións Positivas, 2019) e irmá paxaro (Cuarto de Inverno, 2019). Xunto a Marcos Viso creou os álbums ilustrados Distancias (Editorial Galaxia, 2020) e Tan preto (Concello de Poio, 2020). Textos da súa autoría foron publicados, entre outros, nas antoloxías No seu despregar (2015, Apiario) ou Anthology of Young Galician Poets (2019, Vakxikon).