A exposición aloxada nas cortes da casa natal, sede da fundación que leva o seu nome, desprega unha ampla cronobiografía do poeta do Courel e unha escolma de poemas relacionados coa montaña, a flora e a fauna da serra oriental, os traballos e as festas da comunidade, a casa e a familia do autor e pecha con poemas emblemáticos coñecidos por milleiros de galegos como poema dun só verso «Chove para que eu soñe…».
A nivel visual presenta numeroso material do Arquivo da Fundación de diferentes épocas da vida do autor, cun apartado especial dedicado a fotos coloreadas e recuperadas para actualizar a referencia visual sobre a figura do escritor, tarefa que as redes da Fundación Uxío Novoneyra destacan de forma continuada.
«Uxío Novoneyra, Poeta da Terra» é un proxecto financiado pola Secretaría Xeral de Política Linguística a través do Fondo Xacobeo 21 de proxectos culturais co gallo da celebración do 90 aniversario do nacemento do poeta do Courel.
VISITAS GUIADAS EN HORARIO DE INVERNO
A exposición poderá visitarse, durante o inverno, os venres de 16:00 a 19:00 e os sábados e domingos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00. Para asistir é preciso contactar previamente co correo electrónico info@uxionovoneyra.com.