Eidos de Outono é a extensión musical do Festival dos Eidos, que se vén celebrando dende 2015 no Concello de Folgoso do Courel, Xeoparque Mundial UNESCO Montañas do Courel. Nesta edición o festival presenta unha escolma de músicas contemporáneas marcada pola vangarda e a diversidade de estilos en vínculo coa singularidade e identidade do territorio que o acolle.
As actividades terán lugar en dous escenarios: a Praza do Concello en Folgoso, baixo carpa de concertos, e a Casa-museo Uxío Novoneyra, na aldea de Parada. Na Casa da Fonte, haberá unha lectura do libro dos Eidos e mais o xa clásico roteiro de avistamento de aves, no que o biólogo Xabier Vázquez Pumariño nos adentrará nos segredos dos paxaros no outono.
Rodrigo Cuevas, Uxía-O, Califato 3/4, Wöyza & The Galician Messengers, Babykatze e Sila Lua desenvolverán a parte musical nesta romaría do século XXI que aposta pola diversidade, a convivencia, a antidisciplinariedadee a exaltación da identidade propia en diálogo permanente coa comunidade global.
Merca a túa entrada!
Coincidindo co tempo dos magostos, os Eidos de Outono preséntanse como a celebración da música e da expresión artística no impoñente marco natural do Courel.
A cantante Uxía repasará, nun directo en formato cuarteto, o repertorio do álbum UXÍA-O (2017) no que se mesturan música, poesía, pintura e fotografía, unha particular homenaxe ao poeta do Courel onde resoan a muiñeira, o ragtime, os alalás e o reggae. Uxía canta os versos que son “unha música do cosmos, da fráxil feitura dos seres, da escoita do silencio que fala a quen queira entendelo, da revelación e do himno.” UXÍA-O foi galardoado Mellor Álbum en Galego nos Premios de la Música Independiente MIN e Premios Martín Códax da Música 2018.
Eidos de Outono achega tamén un nome recorrente e imprescindible nos festivais de máis sona deste ano, os Califato 3/4, artífices dunha versión propia e singular do folclore andaluz que olla tanto o pasado coma o futuro a través da memoria e a mestizaxe. A xira da banda sevillana está arrasando co seu folclore futurista, a súa frescura e autenticidade, e o seu directo é pura marabilla.
Rodrigo Cuevas, verdadeiro tsunami na música dos últimos anos. Axitación folclórica e electrónica, humor, hedonismo e celebración dos dereitos innegociables. Con fermosas coreografías e unha posta en escea única, Trópico de Covadonga é un espectáculo que nos eclipsa tanto pola súa categoría musical como pola súa necesaria impronta discursiva.
Wöyza & The Galician Messengers parten dun repertorio tradicional galego, no que fusionan o soul, o gospel, o hip hop e a danza urbana co patrimonio musical e inmaterial galego (Códax, C.Enríquiez, Los Tamara, Emilio Cao) Estas cancións foran presentadas en directo en Frankfurt en 2018. En 2021, o proxecto medra con novas adaptacións de textos clave da herdanza histórica e con cancións feitas desde sempre para o baile.
Dúas artistas emerxentes galegas como BABYKATZE e Sila Lua engaden aos Eidos de Outono a electrónica traida de Buenos Aires, Berlin e Londres. As DJs Marta Toro de Vigo e Xabi B, do barrio de Monte Alto, completan unha das programacións máis singulares que teremos en Galicia este ano no que #aculturasegue