A MIÑA CESTA

Aterra en Monforte a exposición “Courel, territorio literario”

É unha mostra aberta que reivindica as terras do Courel como lugar de creación na nosa literatura a través de catro autores principais: Ánxel Fole, María Mariño, Uxío Novoneyra e mais Carlos Oroza.

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on linkedin
Share on telegram

A exposición “Courel, territorio literario” atópase xa na Praza do Campo de Santo Antón de Monforte de Lemos. É unha mostra aberta que reivindica as terras do Courel como lugar de creación na nosa literatura a través de catro autores principais: Ánxel Fole, María MariñoUxío Novoneyra e mais Carlos Oroza.

Os paneis queren dar fe dunha serra oriental caracterizada, ademais de pola súa beleza, pola súa biodiversidade, os seus tres séculos de emigración e o milleiro de persoas que aínda a poboan. “Unha terra situada entre cumes e vales, irrigada por regatos e pincheiras, habitada dispersamente en pequenas aldeas e cruzada polo bosque dominio dos bechos bravos. Lobos e vacas, ámbolos dous animais totémicos, son hoxe residuais nunha terra gandeira que distintos autores contaron en verso ou prosa”.

Catro autores fan propio un territorio literario, un territorio mítico construído a través das súas obras. Ánxel Fole, “lugués na néboa, foi un mestre do conto e recuperador do idioma”. Nos seus contos “transcribe unha fala que ata fai pouco sostiveron os últimos labregos”. A mesma lingua na que Uxío Novoneyra cantou á súa terra natal, “unha natureza salvaxe habitada polos antepasados”. María Mariño escribiu a súa obra na casa escola de Parada, a súa terra de acollida ata o seu pasamento, e Carlos Oroza “residiu intermitentemente longas tempadas durante os anos setenta na casa do seu amigo Novoneyra en Parada do Courel”.

Son as palabras destas catro voces as que, da man das xentes que estiveron e permanecen, deron forma ao Courel como lugar habitable e, en consecuencia, como marco literario. Unha montaña que se resiste a desaparecer do patrimonio literario de igual xeito que teima en permanecer viva. Velaí as motivacións desta exposición, dispoñible para o público en Monforte.

Patrimonio literario nos Camiños de Santiago

O patrimonio literario da serra é o centro da participación da Fundación Uxío Novoneyra no proxecto Horizonte 2020 rurAllure para a promoción do patrimonio rural na contorna das grandes rutas de peregrinación europea. A Fundación lidera un dos catro subproxectos pilotos da proposta: unha exploración do patrimonio literario na área de influencia dos Camiños de Santiago que, no caso do Courel, toma como punto de partida as rutas apuntadas polo propio Novoneyra no seu derradeiro poemario Ámeto Mítico: Arrodeos e Desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas, publicado de xeito póstumo en 1993, ano Xacobeo.

🌐 rurallure.eu 📧contact@rurallure.eu 📄 Press Kit (GL)