ACAMFE CELEBRA O SEU 30º ANIVERSARIO NA RESIDENCIA DE ESTUDANTES

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on linkedin
Share on telegram


A Asociación Ibérica de Museos e Fundacións de Escritores renova a xunta directiva durante o seu encontro anual
A Asociación Ibérica de Museos e Fundacións de Escritores (ACAMFE), que agrupa 43 casas museo e fundacións da Península Ibérica, celebrou o seu 30º aniversario en Madrid con motivo do seu encontro anual. O encontro incluiu unha asemblea na Residencia de Estudantes na que se elixiu unha nova xunta directiva encabezada por Uxío Novo, secretario da Fundación Uxío Novoneyra, que asume a presidencia en substitución de Victoria Galán, directora da Casa Museo Benito Pérez Galdós. A nova dirección estará conformada por Marlene Oliveira da Fundación Cupertino de Miranda (Famaliçao) que continuará exercendo a vicepresidencia, Antonio Piñeiro da Fundación Curros Enríquez e Carlos Velo (Celanova) desempeñará o cargo de secretario, e Raúl Luís García da Fundación Gregorio Prieto (Valdepeñas) será o novo tesoureiro da institución. Ademais, Eva Jiménez da Casa Museo de Cervantes (Alcalá de Henares) e Ana Chaguaceda da Casa-Museo de Unamuno da Universidade de Salamanca serán vogais do órgano directivo da entidade que, desde hai tres décadas, agrupa institucións dedicadas ao coidado e divulgación de diversos legados e casas literarias no ámbito ibérico.
A nova xunta directiva de ACAMFE marcou como principais retos para esta nova etapa o impulso a proxectos como a creación dunha rede europea de museos de personaxes ilustres, a celebración do Día das Linguas Ibéricas, e o desenvolvemento de iniciativas formativas, de transformación dixital, internacionalización e sustentabilidade; aliñadas cos avances e retos no ámbito da xestión do patrimonio literario actual.

Encontro con Yolanda Díaz na Biblioteca Nacional
Un momento destacado do encontro foi a recepción da vicepresidenta do Goberno, Yolanda Díaz, que saudou aos participantes na Biblioteca Nacional durante a súa visita á exposición “Unamuno e a Política: Da Pluma á Palabra”. Na súa intervención, Díaz agradeceu o compromiso das casas museo e fundacións de escritores, destacando “o valor do seu labor na preservación e difusión do legado artístico e cultural”.

A delegación tamén tivo a oportunidade de visitar a Casa Museo Lope de Vega e puido gozar do recital dedicado a Vicente Aleixandre, Carmen Conde e Gloria Fuertes, musicado e interpretado pola cantante Ana Cuenca no Salón da Residencia de Estudantes, un lugar emblemático e vital ligado aos inesquecibles poetas da Xeración do 27.

O encontro contou ademais coa participación de delegacións internacionais, entre elas o Comité Mundial ICLCM de museos literarios, musicais e artísticos, a Asociación Italiana Casa della Memoria, a Asociación Portuguesa de Casas Museu, xunto á Asociación Colexial de Escritores, a rede Espais Escrits de promoción da lectura e estudo da literatura catalá e a rede RELIGA de Casas, Museos Fundacións e Espazos Literarios de Galicia.