O programa desenvolve tres xornadas de actividades arredor da poesía e as artes na Casa-Museo Uxío Novoneyra en Parada do Courel
O Festival dos Eidos celebra a súa IX edición cos poetas Luz Pichel, André Tecedeiro, Brenda Alborada e Isaac Xubín que protagonizarán o recital do sábado 24 no curral da Casa Museo do poeta do Courel. O venres 23, Xabier Cordal acompañará a Antón Reixa na presentación da antoloxía poética Enciclopedia Perplexidade (Faktoría K, 2024); o sábado pola mañá Antón Lopo e María Sánchez presentarán nunha conversa no Souto da Rubial os poemarios Diarios 1/ Azul Monforte (Noudelo e Ribón, 2023) e Fuego la sed (La Bella Varsovia, 2024). Pola mañá do domingo 25, Nieves Neira presentará a nova edición de Chan da Pólvora do libro que dá nome ao festival, Os Eidos. Libro do Courel, cerna da obra novoneyriana e motivo polo que centos de persoas retornan ao lugar onde Novoneyra escribiu o libro que transformou O Courel nun territorio literario.
A programación abrirase o venres ás 17h coa exposición da serie de pinturas “Romance de Manuel de Ribadaira” de Nicolás González Aller inspiradas no romance que Uxío Novoneyra dedicou a Federico García Lorca e a un veciño, Manuel de Ribadaira, paseado aos 21 anos no ano 1936.
A música manterá o espazo da horta cos concertos e os espectáculos de Familia Caamagno, o grupo Dúbida, O´Leo de Matamá que estrea do seu último traballo “Verba Estirpe”, Iria Piñeiro e Mónica de Nut que traen en colaboración “Kennebec”, Fran Amil con “Popsía”, o espectáculo multimedia “Alta Montaña” de Iván Torres, e o domingo pechará o escenario a “Literatura musicada” da Fundación Legar.
Como cada ano desde a primeira edición, cedo pola mañá do sábado celebrarase a ruta de avistamiento dos paxaros que aparecen nos poemas escritos por Novoneyra guiada polo ornitólogo Xavier Vázquez Pumariño. Esta edición incorpora unha nova ruta pola “Arquitectura de Parada” interpretada polo arquitecto Xosé Allegue.
A Fundación Novoneyra vén de acadar unha mención especial dentro do Informe “Claves e impactos da cultura no medio rural. O valor dos intanxibles” do Ministerio de Cultura, onde destaca este festival como elemento central da súa programación. Este informe que mide o impacto da cultura nos territorios rurais destaca a Fundación Uxío Novoneyra e o Festival Agrocuir entre proxectos de todo o Estado polo impacto social, económico e demográfico que fomentan nas terras do Courel e na comarca da Ulloa.
Entre as novidades desta IX edición destaca un servizo de transporte lanzadeira que conectará o pobo de Seoane coa aldea de Parada para facilitar e asegurar a mobilidade ata o lugar onde suceden as actividades do festival.
A novena edición da programación dos Eidos celébrase co apoio da Área de Cultura da Deputación de Lugo, a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e o programa “Afinidades Electivas” do Ministerio de Cultura. De xeito semellante a edicións anteriores patrocinan o Festival dos Eidos as marcas Alhambra e Deleite, as bodegas Martín Codax e Lodeiros, e as marcas agroalimentares: A Carqueixa. O Sabor dos Ancares, Torre de Nuñez e Queixos Castelo.
A MIÑA CESTA
Aínda non tes produtos na túa cesta.