A MIÑA CESTA

VOLVEN AS LECTURAS DE COIDADO CUNHA PROGRAMACIÓN ESPECIAL DENTRO DO X ENCONTRO ‘CULTURA E CIDADANÍA’

Comparte:

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on linkedin
Share on telegram

Chus Pato, Yolanda Castaño e Manuel Rivas recitaron no Hospital Psiquiátrico de Conxo

Na primeira xornada do Encontro ‘Cultura e Cidadanía’, que o Ministerio de Cultura celebra en Santiago de Compostela co obxectivo de facer balance da primeira década do programa, desenvolveuse unha Visita polo Patrimonio Invisible do Hospital Psiquiátrico de Conxo guiada por Leo González de Trivium Estratexias en Cultura e Turismo e intervida pola artista Neves Seara.

Un grupo de cen persoas composto por traballadores culturais de diferentes lugares do Estado e a comunidade hospitalaria, visitaron desde ás 16:30h diversos espazos interiores como a biblioteca e a escalinata, e exteriores como o claustro gótico e o antigo camposanto do hospital.

Posteriormente celebrouse o recital ‘Poesía de Coidado!’ no que os poetas Yolanda Castaño, Manolo Rivas e a recén nomeada Premio Nacional de Poesía 2024, Chus Pato, leron poemas das súas últimas obras publicadas na sala da escalinata diante dun aforo completo e entregado á escoita das tres voces fundamentais da literatura galega contemporánea.

A programación expandida das ‘Lecturas de Coidado’ é un ciclo de actividades literarias que comisaría a Fundación Uxío Novoneyra no Hospital Psiquiátrico de Conxo para o X Encontro ‘Cultura e Cidadanía’. Comezou o sábado 21 de setembro cun club de biblioterapia na biblioteca onde as persoas participantes leron textos do libro Insolúbel que da conta do proceso reformista do complexo durante os anos setenta; ademais de divulgar a experiencia do club de lectura da Asociación ‘Itinera’ Voluntarios en Saúde Mental cunha unha visita comentada ao antigo cemiterio onde anualmente celebran os Encontros Literarios ‘Kapitan Mette’.