Categorías
Novas

Poesía, danza e música compoñen a terceira edición dos Eidos de Outono

Miguel Anxo Fernán Vello, Sara Plaza, Antón Reixa e Mercedes Martínez Modroño son os poetas convidados a recitar o domingo 30 de outubro no II Recital dos Eidos. Activar a palabra poética de Uxío Novoneyra na súa casa natal coincidindo co XXIII cabodano do poeta é o motivo dun ciclo que anualmente convida a catro poetas a compartir lecturas únicas e diversas da poesía de Novoneyra.

A palabra estará acompañada pola danza e a música nesta terceira edición do festival, na que colaboran a Rede Aldear e a programación Danzar o Camiño, nun programa especial composto por tres pezas de compañías de danza contemporánea que traballan estreitamente vencelladas ao territorio rural galego. As coreógrafas Furia Sotelo acompañada de Mounqup, a compañía Kirenia Danza, que integra no elenco de Primeiro a Vida! ao courelao Cristian Bal Castro, e Mikel Arístegui con Ouveo; activarán consecutivamente tres accións coreográficas no Campo da Feira de Seoane na tarde do sábado 29 de outubro, despois de que Anxo Moure abra a programación matinal con “Pel de lobo: un lobo de aldea”, un conto de lobos para nenas e nenos na escola de Parada.

O musicólogo Xavier Blanco, membro da Fundación Legar, interpretará durante a tarde do domingo un mapa sonoro sobre os eidos preto da casa natal do poeta. No peche de cada unha das xornadas o público poderá gozar dunhas sesións pensadas polo colectivo de Djs Residentes nos Eidos para a mítica terraza do Pub Hydra de Seoane.

Esta programación íntegramente gratuíta pertenece á acción expandida do Festival dos Eidos apoiada polo Programa Territorio Cultura da Xunta de Galicia. Este programa ten como obxectivo diversificar a oferta cultural nas zonas rurais.

Por outra banda, o Festival dos Eidos desenvolve diversas actividades co apoio da rede europea rurAllure.eu que ten por obxecto atraer visitantes das rotas de peregrinación cara o patrimonio cultural europeo que as circunda e completa.

Cartel Eidos de Outono Fundacion Uxío Novoneyra