Residencias poéticas

Aberta convocatoria
II Residencias poéticas
«Ámeto Mítico»
no Camiño de Santiago

Buscamos poetas interesados/as en facer o Camiño de Santiago e escribir sobre a peregrinación xacobea

A Fundación Uxío Novoneyra abre a II convocatoria de residencias poéticas itinerantes no Camiño de Santiago, proxecto que forma parte da programación «O teu Xacobeo» impulsada pola Xunta de Galicia.  

Logo de varios aprazamentos aos que nos vimos obrigados pola situación derivada da COVID-19 por fin actualizamos as datas e abrimos o prazo de presentación de convocatorias

O noso proxecto de residencias «Ameto Mítico» ten como obxectivo actualizar o legado da poesía trobadoresca galego-portuguesa caracterizada polo influxo da lírica provenzal e doutras influencias que coma a poesía sufí chegaron a terras de Galicia polos camiños de peregrinación xacobea. 

Queremos reactivar este legado  e acompañar a poetas interesadas/os na experiencia da peregrinación co obxectivo de divulgar o Camiño de Santiago como espazo mítico sobre o que continuar a escribir poesía.

Tomando como inspiración as  rutas descritas no libro Arrodeos de Desvíos do Camiño de Santiago, último poemario de Uxío Novoneyra —quen foi tamén recoñecido actualizador da poesía trobadoresca— propoñemos oito (8) residencias de escrita e peregrinación poética pola ruta xacobea en territorio galego.

Esta segunda convocatoria enmárcase no programa «O teu Xacobeo» da Xunta de Galicia e forma parte tamén do proxecto Europa Creativa «BE(P)ART Grow With Arts» buscando achegar a creación literaria ás xeracións máis novas a través dunha metodoloxía participativa e de traballo en redes. 

Cando?

residencias

As residencias desenvolveránse do 16 ao 30 de setembro de 2021 co seguinte calendario:

  • 16/09/2021 – Chegada das/os poetas ao aeroporto de Lavacolla/estación de tren de Santiago de Compostela e traslado ao lugar do Cebreiro.
  • 17/09/2021 – 21/09/2021: Peregrinación polo Camiño Francés entre o Cebreiro e Santiago de Compostela.
  • 22/09/2021 – 29/09/2021: Lecturas e obradoiros de poesía en 6 centros de ensino de municipios do Camiño Francés e na Fundación Uxío Novoneyra.
  • 30/09/2021: Retorno desde Santiago de Compostela.

A FUN farase cargo dos gastos da hospitalidade: transporte, aloxamento e manutención das/os poetas durante o período das residencias.

Aberto o prazo de candidaturas

As/os poetas interesadas/os en participar deberán enviar ao correo electrónico ametomitico@uxionovoneyra.com antes do 30 de xuño:

  • Carta de interese.
  • Currículo actualizado.
  • Correo electrónico.
  • Fotocopia do documento de identidade/pasaporte.
  • Unha mostra mínima da súa poesía publicada (100 versos). 

Unha comisión formada por 3 patronas/os e/ou colaboradores/as da Fundación Uxío Novoneyra fallará no mes de xullo os nomes das/os elexidas/os.

A lista de poetas seleccionados publicarase  nas redes sociais da Fundación e nesta páxina web. A Fundación poráse en contacto cos/as elixidos para comunicarlle a súa participación nas II residencias «Ámeto Mítico» no Camiño de Santiago.

MAIS INFORMACIÓN

+34 671 445 247

ametomitico@uxionovoneyra.com