cab-fun

Uxío Novoneyra

BIOGRAFÍA

Uxío sentado no escano da casa de Parada na "pose do labrego"

Uxío Novoneyra nace o 19 de xaneiro de 1930 en Parada do Courel. Estuda o bacharelato en Lugo e desprázase a estudar Filosofía e Letras en Madrid. Comeza a escribir aos 18 anos. Cumpridos os 25 publica a primeira entrega de Os Eidos, un libro cumio na literatura galega do século XX. Novoneyra seguirá escribindo poemas para este libro durante toda a súa vida.

Entre 1962 e 1966 vive en Madrid e traballa na Radio Televisión Española dirixindo programas culturais centrados na divulgación da poesía. Moi influenciado pola lírica trobadoresca e polas vangardas, cultivou con intensidade a poesía oral e a visual. Os seus recitais consideráronse acontecementos culturais e no seu traballo como calígrafo afondou na vía sobre a intensidade física da palabra poética que revisaba e axustaba en sucesivas edicións.

Nos anos 80, xa considerado un clásico pola crítica e o público, compila a súa obra en entregas sucesivas: poemas da Terra en Os Eidos. Libro do Courel (1981), poemas de amor en Muller pra lonxe (1986), recolle a poesía política en Do Courel a Compostela (1988).

Traslada a súa residencia a Santiago de Compostela en 1983 coa súa dona, Elba Rey e os seus fillos, Branca, Uxío e Arturo. Dende 1983 ata 1999 exerce a Presidencia da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) desenvolvendo unha incansable labor a prol da lingua e a cultura galegas ata a súa morte aos 69 anos, o 30 de outubro de 1999.

Aos poucos días do seu pasamento publícase o seu derradeiro libro, Ámeto mítico. Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas, un peregrinar pola lingua e polos lugares queridos de Galicia. Con esta derradeira entrega pecha unha obra vangardista e radicalmente comprometida coa memoria da Terra, a loita contra a opresión do poder e a tensión existencial provocada pola vivencia do amor e contra a morte.